O PPdeG reivindica que “a igualdade que funciona” en Galicia é a que se basea en “traballar, lexislar e investir en políticas que beneficien ás mulleres os 365 días do ano”

O PPdeG reivindicou hoxe, con motivo do Día Internacional da Muller, que “a igualdade que funciona” é a que se basea en “traballar, lexislar e investir en políticas que beneficien ás mulleres os 365 días do ano como fai o goberno presidido por Alfonso Rueda”.

“Para que Galicia funcione, ten que facelo en igualdade. E, grazas ás políticas que promovemos desde o PPdeG, Galicia funciona e faino en igualdade”, asegurou a secretaria xeral Paula Prado nun acto celebrado esta mañá na sede autonómica.

Na súa intervención, a número dous dos populares galegos subliñou que en Galicia o PPdeG lidera o voto feminino e que é ademais o partido con máis alcaldesas na nosa Comunidade: “Podemos e debemos sentirnos moi orgullosas do traballo feito ao longo destes anos. Temos moito do que presumir, motivos de sobra para ir coa cabeza ben alta e non imos aceptar que ninguén nos diga como se promove e se defende a igualdade”.

Neste sentido explicou a importancia de apostar pola conciliación, impulsar o emprendemento feminino, incidir no asesoramento e na posta a disposición de recursos para garantir a independencia das mulleres e loitar contra a violencia de xénero e a trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

Destacou así medidas que fan de Galicia un referente nestes campos como a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos, a cota cero para as autónomas galegas, a regulación do benestar laboral que contempla a Lei de Igualdade, a ampliación da rede de CIM con unidades móbiles anunciada polo presidente Rueda ou os mecanismos legais e axudas económicas que o Goberno galego pon a disposición das vítimas de violencia de xénero.

“O noso compromiso coa igualdade non se mide nos decibelios dos nosos discursos, senón no número de medidas que fomos implantando ao longo dos anos e nos resultados destas medidas”, concluíu.

NINGUNHA LECCIÓN DA ESQUERDA

Paula Prado reprochou aos partidos de esquerda que prefiran “quedarse só na pancarta e nas arengas para intentar agochar as nefastas consecuencias das súas políticas para as mulleres”, remarcando que desde o PPdeG non van aceptar deles “nin unha soa lección”.

Recordou a aprobación da Lei do ‘só si é si’, que considera “o maior retroceso nos dereitos das mulleres neste país e o maior ataque ás vítimas de violencia de xénero na nosa historia” e da que culpabilizou ao PSOE: “Nas súas conciencias pesarán sempre os máis de 1.200 delincuentes sexuais que viron rebaixadas as súas penas e os máis de 120 que están na rúa grazas a esta lei”.

Un PSOE que, ademais, “está moito máis preocupado de lexislar a favor dos independentistas que de lexislar a favor das mulleres” e “non é capaz nin de dar cumprimento ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero que aprobou en 2017 o Goberno de Mariano Rajoy”.

Recriminou tamén ao BNG o seu apoio a esta lei e a súa negativa a modificala, deixando en evidencia así mesmo que os nacionalistas “se puxeron a medalla de pactar con Pedro Sánchez a creación de xulgados específicos de violencia de xénero en Galicia e calaron cando esta foi a primeira promesa incumprida do seu pacto”.

“Ao igual que calan ao negarse a condenar a invasión rusa de Ucraína ou os brutais ataques terroristas de Hamás a pesar da evidencia das violacións dos dereitos das mulleres que estes conflitos están producindo”, engadiu.

A IGUALDADE QUE FUNCIONA

A benvida ao acto correu a cargo da responsable da Promoción do Emprego e Igualdade en funcións no Goberno galego, Elena Rivo. A continuación tivo lugar unha mesa redonda moderada por Sandra Vázquez e na que interviñeron a presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, e diversas integrantes das candidaturas provinciais do PPdeG nas eleccións autonómicas do 18 de febreiro: Carmen PomarCristina Campero e Raquel Plana.

Nas súas intervencións abordaron como foi a súa chegada á política e a importancia da presenza feminina en postos de liderado, así como as medidas recollidas no programa electoral do PPdeG no eido da Igualdade de cara á próxima Lexislatura.

Paula Prado: “Os galegos déronnos a súa confianza e nós devolverémoslla defendendo a Galicia”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou hoxe que os galegos manifestaron claramente nas urnas “a súa aposta pola responsabilidade, o sentidiño e a dignidade que lles garante un Goberno presidido por Alfonso Rueda” e comprometeu a defensa dos intereses de Galicia por parte dos representantes do partido no Parlamento e nas Cortes Xerais: “Os galegos déronnos a súa confianza e nós devolverémoslla defendendo a Galicia”.

A número dous dos populares galegos fixo un balance dos 15 días transcorridos desde a celebración das eleccións e da consecución da primeira maioría absoluta do presidente Rueda. Dúas semanas nas que, logo de que “pedise a confianza dos galegos apelando á Galicia que funciona” está demostrando que “Galicia segue e seguirá funcionando”.

Recordou así mesmo que o líder do PPdeG propuxo en campaña un pacto aos galegos para “seguir ofrecendo estabilidade e illar Galicia do barullo da política nacional” e que dito pacto xa se está cumprindo: “Os galegos seguimos contando cun Goberno que, aínda en funcións, segue traballando día a día para resolver problemas e ofrecer solucións”.

“Na mesma noite electoral, o presidente Rueda fixo un chamamento aos partidos da oposición a entender que, uns no goberno e outros na oposición, a misión que os galegos nos encomendaron a todos é traballar por Galicia”, engadiu ao tempo que poñía en evidencia que nestas primeiras semanas a situación volve a ser a mesma que antes das eleccións: “Por unha banda, un Goberno do PPdeG dedicado a traballar e, por outra, unha oposición dedicada a embarrar e a xustificar o inxustificable”.

A CORRUPCIÓN ESTÁ DESCOMPOÑENDO O PSOE E O GOBERNO

Referíndose aos feitos que se están a coñecer sobre a trama de corrupción vinculada ao Goberno de Pedro Sánchez, Paula Prado ironizou con que “non é sorprendente que o PSOE sexa incapaz de traballar polos galegos” porque “bastante teñen con presenciar en vivo e en directo a escandalosa trama que está descompoñendo por capítulos o seu partido”.

Unha trama que, tal e como subliñou, a día de hoxe implica a seis ministros, dous secretarios de organización do PSOE, dous gobernos autonómicos socialistas, á presidenta do Congreso e ao propio Pedro Sánchez, “que foi avisado ata en seis ocasións do que estaba sucedendo e preferiu mirar cara outro lado”.

“A estas alturas este xa non é o Caso Koldo nin o Caso Ábalos, pois afecta a decenas de persoas do entorno do Partido Socialista e aos máis estreitos colaboradores de Sánchez”, concluíu afirmando que os galegos e os demais españois “merecemos saber cantos responsables políticos do Goberno ou persoas do círculo máis íntimo do presidente coñecían ou foron partícipes das actividades desta trama”.

O BNG SEGUE SENDO O MESMO PARTIDO RADICAL DE SEMPRE

En relación a estes feitos, a secretaria xeral do PPdeG recriminoulle ao BNG que “nin lle preocupa nin lle ocupa” porque a Ana Pontón “estáselle poñendo cada vez máis cara de Yolanda Díaz” na medida en que “as dúas foron clave para facer presidente a Pedro Sánchez e as dúas o apoian, pero ningunha delas é capaz de dicir nada sobre esta bochornosa trama de corrupción”.

Pola contra, sostén que a estratexia dos nacionalistas é a de sempre: “Enlamar e salvar ao soldado Sánchez”. E agora con aínda máis intensidade, xa que “xa non están oprimidos polo disfrace de falsa moderación que se puxeron en campaña”.

Paula Prado sostén que “o radicalismo que nunca abandonara ao BNG volveu rexurdir” grazas ás palabras publicadas en redes sociais polo biógrafo oficial de Ana Pontón e candidato pola provincia da Coruña nas pasadas eleccións: “Atreveuse a afirmar, sen o menor atisbo de pudor, que Gaza é peor que Auschwitz e que ao final resulta que os nazis non eran tan malos”.

Unhas palabras que, na súa opinión, “repugnan a calquera persoa cun mínimo de sentido común” pero non a un BNG “equidistante entre vítimas e verdugos, tibio ante a violencia, asesorado por condenados por terrorismo e dirixido por unha brúxula moral que os sitúa no lado equivocado da Historia”.

OS PEORES RESULTADOS DO SOCIALISMO EN GALICIA

A número dous dos populares galegos tamén tivo palabras para “os poucos que quedan” no PSOE galego e recordoulles que, a pesar de que “desta ía”, o resultado que acadaron o pasado 18 de febreiro foi “o peor do socialismo en Galicia na historia da nosa Autonomía”.

Criticou que Besteiro se dedicara a “bicar trens” cando, mentres, os galegos seguen agardando polos trens Avril “que ían chegar en 2020, en 2021, en 2022, en 2023 e finalmente nun primeiro trimestre de 2024 que comeza sen unha data concreta e sen ningunha certeza sobre a súa posta en funcionamento”.

E, continuando a abordaxe dos problemas da rede ferroviaria galega, puxo sobre a mesa os atrasos e continuas incidencias que sofren os usuarios e o recorte do 67% nas frecuencias que había antes da pandemia e que seguen sen repoñerse.

“Mellor nos iría a todos se os partidos da oposición asumiran que a súa misión é traballar por Galicia e non lexitimar co seu silencio cómplice os continuos agravios de Sánchez a Galicia e os seus cada vez máis indignos ataques ao noso sistema democrático”, concluíu.

Os deputados do PPdeG esixen a comparecencia do ministro Óscar Puente no Congreso ante os “escandalosos” atrasos e incumprimentos na chegada dos trens Avril a Galicia

Os deputados do PPdeG rexistraron hoxe no Congreso a solicitude de comparecencia do ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, e do presidente de Renfe para informar sobre os “escandalosos anuncios incumpridos” relativos á chegada dos trens Avril de Alta Velocidade a Galicia e o “notorio incumprimento contractual” por parte de Talgo nesta cuestión.

Denuncian os populares que o atraso na entrada en operación comercial destes trens está causando un grave prexuízo aos usuarios dos servizos ferroviarios de Alta Velocidade no que a tempos de viaxes e prazas ofertadas se refire. De aí a súa esixencia de “responsabilidades e explicacións” por parte do Goberno central ante esta “aldraxe” á nosa Comunidade por parte de Pedro Sánchez.

“Os trens Avril foron adxudicados por Renfe a Talgo en 2017 coa previsión de que as primeiras unidades serían entregadas no ano 2020”, recorda o vicepresidente da Comisión de Transportes do Congreso e deputado por Ourense, Celso Delgado, ao tempo que subliña os posteriores adiamentos desta data ata 2021, 2022, 2023 e, finalmente, o primeiro trimestre de 2024.

O parlamentario ourensán acusa ao ministro Óscar Puente de mentir cando o 5 de xaneiro, nun “bochornoso” acto electoral en Vigo, chegando a estación cos Reis Magos,  asegurou que “sen dúbida algunha os usuarios xa poderían comprar os billetes para viaxar nos trens Avril a partir do 1 de marzo e que sería nese mes cando comezaran os servicios comerciais”.

E lamenta que agora o Goberno de Pedro Sánchez non só incumpre novamente o prazo previsto, senón que “aínda non sabemos nin cando entrarán en servizo estes trens nin cantas unidades chegarán a Galicia”.

Lembra así mesmo que en decembro de 2021 chegou a Alta Velocidade a Ourense pero, aínda a día de hoxe, outras cidades galegas como Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo e Pontevedra seguen esperando o cumprimento dos tempos de viaxe con Madrid que foron comprometidos polo Goberno

Uns tempos que só poderán alcanzarse coa posta en servizo dos novos trens Avril  de rodadura desprazable que permitirán circular por toda a rede ferroviaria galega, integrada tanto por vías de Alta Velocidade de ancho estándar europeo como polas convencionais de ancho ibérico.

Rueda destaca que Lugo foi, cun 53,4% do voto, a provincia onde o PPdeG acadou maior apoio o 18-F: “Lugo participou como nunca e votou como sempre”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, destacou hoxe que Lugo foi a provincia onde maior apoio recibiu o partido nas eleccións do pasado domingo –un 53,4% do voto– e tamén a que rexistrou a porcentaxe de participación máis alta de todas as provincias galegas –un 69,8%– : “Lugo participou como nunca e votou como sempre”.

Puxo así en valor que os populares galegos acadaron 8 dos 14 deputados que representarán a Lugo no Parlamento de Galicia e agradeceu o seu extraordinario traballo a todos os apoderados, interventores, afiliados, alcaldes e portavoces do PP de Lugo. Grazas á xenerosidade e dedicación de todos eles, asegurou, o partido obtivo o 18-F un resultado acorde ao seu esforzo.

Este apoio é para Alfonso Rueda un reflexo do traballo ben feito, da confianza que el e o resto de integrantes das candidaturas lle demostraron á xente e do proxecto de futuro que ten o PPdeG. E, ante a responsabilidade que isto supón, comprometeuse a traballar desde o primeiro momento para que Galicia siga funcionando e cada vez mellor.

Reiterou así o seu desexo de seguir sendo un presidente honesto que só prometerá o que poida cumprir, que traballará día a día para que Galicia se supere a si mesma e que gobernará para todos sen distincións. Un reto no que, engadiu, os seus únicos obxectivos serán facerlle a vida un pouco mellor cada día aos galegos e defender a súa dignidade desde a responsabilidade e o sentidiño.

Alfonso Rueda, tras gañar as eleccións do 18-F: “Galicia votou pola igualdade, o entendemento, a dignidade e o sentidiño”

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, compareceu esta noite logo de coñecer o escrutinio das eleccións autonómicas –nas que o seu partido acadou o apoio maioritario dos galegos cun 47,36% do voto– para valorar os resultados e asegurou que “Galicia votou pola igualdade, o entendemento, a responsabilidade, a dignidade e o sentidiño”.

Amosando o seu profundo agradecemento aos máis de 700.000 galegos que apoiaron as candidaturas populares nas catro provincias, o presidente recalcou a “honra” e o “privilexio” que supón para el continuar á fronte da nosa Comunidade e comprometeuse a traballar para estar á altura dese apoio: “Voume dedicar a propoñer a Galicia do futuro”.

Asegurou que Galicia, da que “todos estaban pendentes”, envía tamén unha mensaxe a España con estes resultados: “Aquí non queremos chantaxes nin sometementos. Votamos polo sentidiño e foi a decisión correcta para Galicia e para España tamén”.

“Por se houbese algunha dúbida, nós sentímonos orgullosos de ser galegos e de ser españois. Sen tensións, sen disputas e sen problemas”, engadiu.

Tras acadar a súa primeira maioría absoluta, Alfonso Rueda subliñou que non vai decepcionar aos galegos, tanto aos que votaron ao PPdeG como aos que non. E, neste sentido quixo agradecer as felicitacións recibidas polos candidatos dos partidos da oposición: “Se todos somos conscientes de que a nosa misión é traballar por Galicia e somos capaces de facelo, todo irá moito mellor”.

Prometeu facer todo o posible para “estar á altura da misión que me encomendaron os galegos” e afirmou que “Galicia funcionará coa axuda de todos”.

“Hoxe gañou a Galicia aberta, que quere resolver e avanzar sen mirar aos lados, sen envexas, sen levantar muros e sen ir contra ninguén. Gañou a Galicia que se sinte máis potente que nunca”, concluíu.

Teresa Egerique salienta o compromiso da Xunta para investir máis de un millón de euros no Conservatorio de Música de Vigo

Santiago, 11 de febreiro de 2021.- A deputada do Grupo Popular Teresa Egerique saudou hoxe no Parlamento o compromiso da Xunta de investir máis de un millón de euros na rehabilitación do Conservatorio Superior de Música de Vigo, “unha obra que se engadirá aos máis de 24 millóns de euros que o Goberno de Feijóo ten investido en infraestruturas educativas desta cidade”.

Seguir leyendo