Santiago, 11 de febreiro de 2021.- A Comisión 5ª do Parlamento galego aprobou hoxe o ditame da proposición de lei de modificación da Lei de Saúde de Galicia que “vén cubrir as lagoas e as carencias da lexislación vixente para loitar mellor contra a pandemia”, manifestou a portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo.
“Fronte á improvisación, as incertezas e a disparidade de criterios xudiciais, pensamos que a regulación por lei garante o automatismo das respostas, reduce incertezas nos administrados e permite unha interpretación máis homoxénea polos tribunais da proporcionalidade e adecuación das disposicións que a autoridade sanitaria adopte”, indicou.
Encarna Amigo comezou a súa intervención facendo un recordo “para todos os pacientes de Covid-19 e trasladando o pesar polos máis de 2.000 falecidos nesta pandemia”.
ESPERANDO POLAS REFORMAS DO GOBERNO CENTRAL
A portavoz popular lembrou que o Presidente do Goberno de España “comprometeuse no pasado verán a reformar a Lei orgánica de Saúde, e así o recomendou o Congreso nas conclusións da Comisión para a reconstrución social e económica”. “Lamentablemente, esas reformas que ían ofrecer ás comunidades autónomas instrumentos xurídicos claros e precisos para poder regular e poñer límites ao que podía facer unha administración durante unha crise sanitaria aínda as estamos esperando”, indicou.
“Diante desta situación, o Goberno galego e o Grupo Popular presentamos esta proposición de lei que regula e pon límites ao que pode facer unha administración durante unha crise sanitaria completamente nova e imprevista para todo o mundo, que xa está tendo unha duración demasiado longa no tempo e que despois desta experiencia nos estamos libres de que veñan outras pandemias nos próximos anos”, manifestou Encara Amigo.
Así mesmo, afirmou que esta proposición de reforma da lei de saúde “hai que vela como un exercicio de responsabilidade, porque acumula a experiencia e xestión da pandemia desde o mes de marzo por parte da Xunta, un período de case un ano de duración no que se evidenciou que o noso marco normativo sanitario non estaba preparado para afrontar unha pandemia tan longa e con efectos xeneralizados na nosa sociedade”.
PROTECCIÓN DOS DEREITOS DA CIDADANÍA
Entre as cuestións que regula esta nova lei, Encarna Amigo explicou que “o primeiro que fai é delimitar que autoridades exercen de autoridade sanitaria en caso de pandemia”. Ademais, enumera as medidas susceptibles de ser adoptadas polas autoridades sanitarias, que van desde a incautación e inmobilización de produtos, algo que está previsto no estado de alarma, pero non na Lei galega de sanidade; ata delimitacións de capacidade, medidas de seguridade e hixiene en determinados lugares ou actividades, medidas de autoprotección, ou intervención en centros de servizos sociais, ou subministración de datos necesarios para o control e a contención do risco para a saúde pública.
“Tamén se prevé a intervención dos centros de servizos sociais, logo de que se comprobara que é unha medida imprescindible para a protección da saúde pública, especialmente das persoas maiores e dos discapacitados; e ademais que estas medidas se adoptarán coa urxencia que se require, sen que iso evite evidentemente o seu posterior control por parte da xudicatura”, sinalou a portavoz popular.
En canto as garantías de protección dos dereitos da cidadanía, Encarna Amigo subliñou que “imponse como límite absoluto o respecto á dignidade da persoa e prevese unha serie de regras de actuación, que deben ser o menos intrusivas e invasivas posible para lograr o obxectivo de saúde pública”. “Pero tamén se prevé que sexan temporais, transparentes e motivadas conforme a tres regras: a idoneidade, a necesidade e a proporcionalidade da norma adoptada”, concretou.
A portavoz popular salientou, ademais, que a nova lei “presta unha especial atención ás novas tecnoloxías, como mecanismo de información, prevención, detección e seguimento das enfermidades, algo que se ven de demostrar nesta pandemia como un instrumento útil e que pode utilizarse para mellorar a situación, o seguimento e o rastrexo dos afectados”.
“Tamén se recolle a necesaria colaboración entre a administración galega e os concellos, que se deben facilitar información e prestarse reciprocamente a cooperación necesaria”, anotou.
Encarna Amigo referiuse ás vacinas e sinalou que “son a esperanza que todos temos posto no control da pandemia, pero ninguén dubida que temos que seguir comportándonos con responsabilidade, gardando as normas e medidas que están nas nosas mans e a responsabilidade individual de cada un de nós e para poder conseguir o estado de normalidade que tanto ansiamos”.