Santiago, 14 de decembro de 2021.- O deputado do Grupo Popular Borja Verea cualificou hoxe de “lavado de imaxe e de mala conciencia”, ante o abandono dos gobernos socialistas a Compostela, a emenda aos orzamentos da Xunta para 2022 defendida polo PSdeG, que demanda 1,5 millóns de euros para a cidade de Santiago, “cando a Xunta xa prevé un investimento de 160 millóns de euros para o Xacobeo, onde esta cidade é a principal protagonista”. “Deberían comezar defendendo e apoiando a Santiago alí onde gobernan, desde o Concello e desde a Moncloa, porque onde goberna o PPdeG xa é unha prioridade”, manifestou.
Borja Verea lamentou que, a piques de rematar o primeiro Ano Santo, “aínda non sabemos canto orzamento vai dedicar o Goberno central ao Xacobeo 21-22”. Deste xeito, cualificou de “auténtica irresponsabilidade que o Goberno de Pedro Sánchez non estea apoiando o maior evento cultural europeo, do mesmo xeito que tampouco está a atender as demandas para reforzar os corpos e forzas de seguridade do Estado, nin arranxar a seguridade nos puntos negros das estradas nacionais, nin prorrogar as desgravacións fiscais polo Ano Santo”.
Así mesmo, o deputado popular criticou que o Concello de Santiago “tampouco teña previsto nin programa nin orzamentado nada para o Xacobeo, “ e, o que é máis grave, non ten estratexia nin política turística ningunha”. En concreto, Verea dixo que “o mellor exemplo desta deixación de funcións do Concello de Santiago son os tres millóns de euros do Plan de Sustentabilidade Turística, xa adxudicados e dos que aínda non investiu nada”.
ENGANO A COMPOSTELA
Para rematar, Borja Verea sinalou que “o que pasou coa reunión do Real Padroado do Consorcio de Santiago é un dos maiores enganos a Compostela”. Neste sentido, lembrou que “aquí aterraron o Presidente do Goberno, acompañado de cinco ministros, e prometeu 30 millóns de euros ao ano, que despois o alcalde pasou semanas publicitando megaproxectos, pero o que realmente nos atopamos é que nos orzamentos do Goberno central e do Concello de Santiago non figura un só euro para dar cumprimento a esta promesa”.
“É unha tomadura de pelo, xogando coa cidade, cos veciños e coas expectativas de Compostela, ademais de poñer en risco a credibilidade dunha das institucións máis queridas na cidade, como é o Real Padroado”, manifestou.