Santiago, 9 de xuño de 2022.- O Parlamento galego aprobou hoxe, sen o apoio dos deputados do PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita á Xunta que priorice a implantación de sendas peonís e ciclistas na área metropolitana de Santiago, nomeadamente a vía que conecta O Milladoiro-Santiago de Compostela.
?Ante a parálise do concello de Santiago a @Xunta puso sobre a mesa un programa ambicioso con 12M€ para 10 Kms de sendas peonís e ciclistas, un proxecto transformador que uniría Milladoiro con centros importante de Santiago @borja_verea @PopularesStgo pic.twitter.com/x1n2CdyGJs
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 9, 2022
O deputado popular Borja Verea sinalou que o Plan de sendas peonís e ciclistas para Compostela supera os 10 quilómetros de percorrido e suporá un investimento de 12,4 millóns de euros. “Unirá Milladoiro con Santiago, pero ademais estenderase polo centro da cidade de Santiago, unindo o Hospital Clínico, coa Estación Intermodal e con San Caetano”, concretou.
OPOSICIÓN DO CONCELLO DE SANTIAGO
“Estamos a falar dun proxecto global, integrador e transformador, ante o que o Concello de Santiago respondeu taponando os investimentos, retrasando as reunións técnicas e improvisando ocorrencias”, lamentou o deputado popular.
Borja Verea criticou que o alcalde de Santiago “non pode botar balóns fóra para culpar a outros da súa incapacidade e tampouco pode culpar á pandemia de que hoxe a cidade non teña un Plan de Mobilidade, que xa debería estar operativo en 2020 pero que acabaremos o actual mandato municipal sen estar aprobado”.
“Non hai estratexia nin programación, porque están gobernando a cegas e con maneiras e políticas doutra época”, dixo Verea.
Así mesmo, comparou o proxecto de senda peonil e ciclista coa proposta presentada polo Concello de Santiago, “dúas iniciativas moi diferentes en canto ao tipo de documento, o seu encaixe nun visión global de mobilidade, alcance, viabilidade, comodidade ou funcionalidade”.
En concreto, Borja Verea explicou que o Concello non incorporou a súa proposta para o financiamento cos fondos europeos Next Generation, fronte á prioridade que lle concede a Xunta ao seu proxecto de senda para o seu financiamento con estes fondos. Ademais, salientou que a proposta do Concello ten unha extensión de 2,96 quilómetros, fronte aos máis de 10 quilómetros da iniciativa da Xunta, cun ancho que estará entre os 4,5 e 5 metros, fronte aos 2,5 do Concello.