A deputada do Grupo Popular Carmen Pomar, acompañada do concelleiro do PP, Adrián Villa, esixiron hoxe á alcaldesa de Santiago “unha explicación urxente sobre a contratación dunha empresa privada para o traslado dos asistentes á Asamblea de Cidades Patrimonio da Humanidade, desprezando os servizos dos taxistas da cidade a pesar de ter ameazado con multas ás empresas que ousaran facer transportes urbanos”.
Carmen Pomar e Adrián Villa reuníronse con representantes do colectivo de taxistas de Santiago a fin de coñecer de primeira man as súas preocupacións e problemas para desenvolver o seu traballo nesta cidade, así como as medidas que consideran necesario poñer en marcha para mellorar a prestación deste servizo, tanto a composteláns como a visitantes.
FALTA DE TRANSPARENCIA E COHERENCIA
No encontro, os taxistas amosaron o seu malestar pola falta de transparencia e coherencia por parte da alcaldesa de Santiago á hora de dar unha explicación sobre a contratación de 29 desprazamentos por parte dun servizo privado. “O problema non só é que a alcaldesa fuxe de dar unha resposta ás preguntas que están enriba da mesa, senón que ao mesmo tempo está a mentir para intentar xustificar esta contratación”, sinalou Carmen Pomar.
A deputada popular lamentou “o caos do servizo de transporte público que sofren a diario os composteláns e os turistas, derivado dunha incompetencia manifesta por parte dos responsables municipais”. En concreto, salientou que ante esta situación “os taxistas atópanse desbordados en moitos momentos do día pola demanda de servizo existente, sen que o Concello sexa capaz de dar unha solución máis que ameazar con sancionar a todas as empresas privadas que ousaran facer transportes urbanos”.
Pola súa banda, Adrián Villa sinalou que non é de recibo que a alcadesa “pase meses dicindo que as VTCs son ilegais, mentres ela mesma as estaba contratando”. E preguntouse se, “agora que todos sabemos que houbo 29 traxectos ilegais, e que a competencia para sancionar é do Concello, a alcaldesa vai a emitir unha infracción contra a propia Acaldía”.