O deputado do PP por Ourense e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado, denunciou hoxe “o persistente e inxustificable boicot” do Goberno de Pedro Sánchez ás iniciativas aprobadas por unanimidade polo Parlamento de Galicia.
Delgado amosou a súa indignación tras coñecerse que a Mesa do Congreso, controlada por PSOE e Sumar, vén de aprobar a vixésimo novena prórroga desta Lexislatura —a 44 desde que Pedro Sánchez é presidente— da tramitación da proposición de Lei Orgánica para a transferencia da titularidade e das competencias da AP-9 a Galicia.
“O Congreso dos Deputados está totalmente dominado polo Executivo de Pedro Sánchez, que nin convoca un Debate sobre o Estado da Nación, nin presenta os Orzamentos Xerais do Estado, e tampouco permite tramitar iniciativas democráticas que veñen dun Parlamento tan relevante como o galego e que contan co respaldo unánime das forzas políticas”, sinalou o deputado ourensán.
Delgado lembrou que esta proposición foi admitida a trámite pola vía de urxencia, pero “segue encadeando prórrogas que impiden o seu paso á Comisión de Transportes, onde debería ser obxecto de debate e acordo, que é o que nós realmente perseguimos”.
“Insisto —afirmou—, rexeitamos con rotundidade este boicot, denunciamos que é absolutamente inxustificable e seguiremos traballando sen descanso ata que remate este agravio infame e aldraxe á nosa terra, Galicia.”