Santiago, 7 de novembro de 2017.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández Gil, rexeitou esta tarde no Parlamento o “relato distópico e catastrofista” da oposición sobre o sistema educativo galego, “porque se fuximos da realidade estarémonos alonxando do contexto obxectivo que nos permite propoñer medidas para a mellora efectiva da educación galega”.
César Fernández asegurou que “en Galicia temos un ensino público de calidade, equitativo e inclusivo grazas aos miles de profesionais que prestan os seus servizos no sistema educativo galego e que, día a día, co seu esforzo e co seu traballo, desmenten o relato que a oposición se empeña en construír”.
REALIDADE INEXISTENTE DA OPOSICIÓN
“Observamos atónitos como se pretende describir unha realidade absolutamente inexistente, cargada de argumentos falaces que pretenden converter en norma casos excepcionais, coa única finalidade de intentar facerlle crer aos galegos e as galegas que viven nun mundo totalmente diferente de este co que interactúan no seu día a día”, manifestou o portavoz popular.
Deste xeito, demandou aos grupos da oposición que “partan dunhas premisas un pouco máis axustadas á realidade, porque se non corremos o risco de abandonar o plano do discurso político para situarnos no contexto da creación da novela distópica”.
Fernández Gil asegurou que a Xunta “realiza un importante esforzo para apoiar aos centros educativos do rural galego, tanto a través do impulso de plans novidosos específicos, como favorecendo a súa participación nas estratexias de implantación das novas tecnoloxías”. “Desde que goberna o Partido Popular, a Consellería de Educación tivo, ten e terá o mesmo criterio para o mantemento das unitarias, tal é que conten con seis ou máis alumnos”, concretou.
MENOS INTERINIDADE E MÁIS OFERTA DE EMPREGO
Así mesmo, engadiu que “Galicia é a comunidade autónoma con menor porcentaxe de interinidade e, polo tanto, cunha maior estabilidade no traballo para os docentes”, ao tempo que “é a comunidade que con 10,5 ten o menor número de alumnos por profesor, segundo os últimos datos proporcionados polo ministerio”.
O portavoz popular tamén salientou que a Consellería “ten convocado desde 2009 ofertas de emprego público todos os anos, agás en 2012, o que supón un total de 4.928 prazas”, ao que se suman os investimentos realizados na construción, mellora e adecuación de centros de ensino nos últimos anos.