Santiago, 22 de febreiro de 2018.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández Gil, cifrou hoxe no Parlamento en máis de 1.100 os alumnos de centros de ensino de Castela e León que reciben ensino de galego no Bierzo e Sanabria. “A valoración deste programa, que leva 17 anos funcionando é positiva tanto polo interese do alumnado pola lingua galega como pola colaboración do resto do profesorado e dos equipos directivos dos centros”.
César Fernández lembrou que desde o ano 2001 a Xunta está a traballar co goberno de Castela e León de forma conxunta na promoción, protección e divulgación da lingua galega no Bierzo. “Este programa é prorrogado ano tras ano e unha comisión mixta de seguimento encárgase de analizar o curso escolar, emendar deficiencias e propoñer posibles melloras”, explicou.
DISTRIBUCIÓN POR CENTROS
No presente curso 2017-18, 13 centros de educación infantil e primaria da provincia de León están a impartir lingua galega a un total de 898 alumnos, aos que se suman outros sete alumnos que reciben ensino de galego na localidade zamorana de Lubián.
Así mesmo, 152 alumnos de catro IES da provincia de León optaron por estudar lingua galega e outros 44 alumnos da Escola de Idiomas de Ponferrada están matriculados de galego.
“En total, son 1.101 alumnos os que reciben este curso ensino de lingua galega en centros de León ou Zamora, o que supón un incremento de 113 estudantes respecto ao curso anterior”, manifestou o portavoz popular.