O proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas continuará a súa tramitación no Parlamento de Galicia para poñer a disposición dos galegos, entre outras medidas, a exención de impostos ás persoas afectadas polos incendios forestais; alivio na carga fiscal das persoas con ELA ou afectadas pola talidomida; mellorar o acceso á vivenda ás familias monoparentais e vítimas de violencia de xénero; reforzar a autoridade do profesorado; facilitar solo empresarial, vivenda protexida e novas formas de convivencia accesibles; e mellorar a prevención dos lumes, a ordenación dos montes e a seguridade do sector mineiro.
O viceportavoz popular, Julio García Comesaña, incidiu que esta lei “non só é legal, senón que é profundamente democrática no seu procedemento” e relatou toda a tramitación parlamentaria que seguirá este texto lexislativo: desde o debate de totalidade do día de hoxe, ao debate en ponencia e comisión das emendas parciais e o remate co debate de aprobación en sesión plenaria.
Deste xeito, García Comesaña salientou que a lei “contén medidas útiles e xustas, especialmente para quen máis o precisa,” e amosou a disposición do Grupo Popular a mellorar o texto “a través do debate e das emendas presentadas, pero non cun non global que deixa sen efecto todas e cada unha das melloras que se propoñen”.