O PPdeG denuncia o “falso feminismo” do BNG e acusa a Ana Pontón de “estar de acordo na utilización do sexismo e o machismo nas súas políticas” logo do acontecido esta semana coa “vergoñenta” viñeta difundida polo sindicato CIG sobre a responsable de Política Social do Goberno galego.
Na rolda de prensa que ofreceu esta mañá na sede autonómica dos populares galegos, a secretaria xeral do partido criticou que Ana Pontón “non se atreveu a corrixir ao seu sindicato e nin sequera censurou a viñeta” e respondeu ás “escusas” ofrecidas pola líder do BNG para non asumir a súa responsabilidade a este respecto.
“É unha broma a comparación que fixo co que se escoitou no Pleno de Parlamento, onde Ana Pontón inventa conflitos e saca o comodín do machismo cada vez que non lle gusta unha resposta. Do mesmo xeito que é unha broma que diga que o PPdeG non pode dar leccións de feminismo cando é incapaz de criticar estas barbaridades e cando apoiou a Lei do ‘só si é si’, que beneficiou a milleiros de agresores sexuais”, asegurou.
Nesta liña preguntouse “con que cara pode mirar o independentismo galego ás vítimas e acudir ás manifestacións do 8 de marzo” e manifestou que ten claro que “volverán poñer a careta” coa que “a esquerda radical pretende agochar casos como os de Xabier Ron, Monedero, Pablo Iglesias, Errejón e o candidato do BNG que estivo no cárcere por agredir sexualmente a unha nena de catro anos”.
DEIXAR TRANQUILA A LINGUA GALEGA
Paula Prado fixo referencia ao contido do documento aprobado recentemente polo Comité Central da UPG para lamentar que “as únicas propostas do BNG sobre a lingua sexan combater os discursos a prol do bilingüismo ou a liberdade de lingua, expulsar o castelán do ensino ou contribuír ás mobilizacións de plataformas afíns”.
“O BNG leva tanto tempo manipulando a lingua galega, poñendo por diante axitar a rúa e impoñer a súa ideoloxía, que xa ninguén cre que a súa defensa sexa real”, concluíu censurando o “dano” que o independentismo galego está facendo ao galego “coas súas manifestacións e mensaxes manipuladas”.
Un dano do que fai cómplice tamén a un PSOE que “en vez de axudar fai seguidismo e mesmo pon autobuses para acudir ás manifestacións financiados con cartos públicos” e polo que pide a ambos que “deixen tranquila a lingua galega”.
Paula Prado recordou que “Galicia non apoiou as propostas lingüísticas do BNG e do PSOE e segue sen apoialas a día de hoxe”. De aí que insista en que a oposición debe “parar de contar bólas sobre a nosa lingua aos galegos e galegas”.
UN 18-F DE GRANDES FITOS
En referencia ao acto organizado polo PPdeG o pasado sábado para conmemorar o primeiro aniversario da primeira maioría de Alfonso Rueda, a secretaria xeral do partido definiuno como “un gran éxito” que “reuniu a 2.500 persoas para dicir alto e claro que Galicia Goberna”.
“Chegamos a este aniversario cos obxectivos cumpridos, con dúas de cada tres medidas do programa en marcha, con humildade e con moitos retos por diante en servizos públicos, vivenda, investigación ou emprego”, sostivo apuntando a que seguirán traballando nesta liña e agardando contar cunha oposición “máis construtiva e con maior capacidade de autocrítica”.
Nesta liña ironizou con que o BNG e o PSOE, máis que un aniversario, o que conmemoraron foi “un cabodano”. Non en balde, desde o 18 de febreiro de 2024 ambos partidos “están enfadados con Galicia e cos galegos e curan os seus traumas indo a polo PP e axitando a rúa”.
Paula Prado reivindicou que o seu partido ten “moito máis que celebrar que unha Ana Pontón que é unha máquina de perder eleccións e non sabe apartarse, que un BNG que só sabe discutir e facer ruído, que un Gómez Besteiro que é un simple pero magnífico soldado de Sánchez, e que un PSOE que cos peores resultados da súa historia aínda se atreve a dar algunha lección”.