As deputadas do Grupo Popular Loli Hermelo e Felisa Rodríguez, acompañadas da portavoz do PP en Bueu, Elena Estévez, visitaron esta mañá a Pescadería Mayka na parroquia de Beluso en Bueu para comprobar a “excelente aceptación” que está a ter entre os galegos o Bono Peixe, do mesmo xeito que con anterioridade tiveron outras iniciativas como o Bono Comercio ou o Bono Turístico. “Animamos a todos os consumidores a beneficiarse destes descontos facilitados pola Xunta en pescado fresco e marisco, unha media que ao mesmo tempo permite reactivar tanto o comercio de proximidade como as ventas do sector pesqueiro”, manifestaron.
Loli Hermelo e Felisa Rodríguez explicaron que os comercios ou vendedores ambulantes de peixe e marisco fresco que desexen participar nesta campaña da Xunta poderán solicitar a súa inscrición a través da páxina web www.bonopeixe.gal. “É o caso concreto de Pescadería Mayka, un establecemento de proximidade que aposta pola venta directa e cunha clientela fiel nunha das parroquias do Concello de Bueu como é Beluso”, concretaron.
5 EUROS POR SEMANA
Así mesmo, indicaron que as persoas interesadas en gozar do Bono Peixe poden descargalo desde a citada plataforma ou na app móbil, dispoñible tanto para dispositivos Android como iOS. Cada Bono Peixe ten un valor de 50 euros que se van liberando progresivamente a través do desconto dun 25 por cento na compra realizada ata un máximo de 5 euros por semana, acumulando o importe non gastado nas sucesivas semanas ata un máximo de 25 euros, que poderán gastarse ao longo dun total de 10 semanas ou ata que se esgote o crédito. Segundo os datos que figuran na plataforma do Bono Peixe, neste momento existen máis de 700 comercios adheridos á campaña e xa se teñen descargado máis de 110.000 bonos.
“Estamos a falar dun incentivo para o consumo de peixe e marisco frescos, produtos que están rexistrando un progresivo descenso na cesta da compra dos galegos”, sinalaron as deputadas populares, quen apuntaron que esta iniciativa da Xunta “axuda ao mesmo tampo a impulsar o comercio de proximidade e o sector pesqueiro, estratéxico na Comunidade galega xa que representa o 5 por cento do PIB cunha facturación de máis de 11.600 millóns de euros”.