Os deputados do Grupo Popular Miguel Fidalgo e Jesús María Fernández Rosende mantiveron unha reunión con representantes da Asociación Española de Titulados Náutico-Pesqueiros (Aetinape) na que se estudaron distintos aspectos para mellorar a sinalización e a visualización dunha situación de emerxencia en alta mar, así como outras posibles actuacións relacionadas con esta situación.
Na xuntanza, na que estiveron presentes o presidente de Aetinape, José Manuel Muñiz, xunto cos asesores desta organización José Manuel Costas e Vicente Yáñez, acordouse a presentación dunha iniciativa no Parlamento de Galicia con cuestións relacionadas coa formación e as prácticas, tanto de mariñeiros mercantes como de profesionais da pesca ou de recreo, en materia de utilización de medios de salvamento, así como o estudo da sinalización de mexiloeiras e outros artefactos flotantes que poidan ocasionar accidentes na navegación, e posibles intervencións no caso de condicións climáticas moi adversas que aconsellen ás embarcacións quedar en porto.