Os deputados do Grupo Popular Jesús María Fernández Rosende, Miguel Viso, Juan Casares e Enrique Barreiro mantiveron un encontro co presidente e o secretario do Consello Galego de Veterinaria, Ricardo Vecilla e Luís Núñez, respectivamente, no que abordaron todos os problemas que neste momento afectan ao exercicio da profesión veterinaria e que, en consecuencia, poden afectar á saúde dos animais.
“Hai que evitar o maltrato animal tanto por acción como por omisión”, sinalou o deputado popular Fernández Rosende, porque afirmou que “maltrato é non poder proporcionar aos animais os tratamentos veterinarios adecuados debido ao encarecemento dos mesmos, logo da entrada en vigor da nova normativa europea e nacional”.
A modo de exemplo, na reunión abordouse o problema que presentan algúns principios activos de determinados medicamentos que, polo feito de ser específicos para veterinaria, se venden a un prezo moito máis elevado que os destinados a humanos.
Tanto os deputados populares como os representantes do Consello Galego de Veterinaria acordaron continuar con este tipo de reunións nas que continuar afondando nos aspectos problemáticos para este sector.