Solicitan a comparecencia en Comisión da ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e da súa secretaria de Estado
Os deputados ourensáns, lucenses e leoneses do Grupo Parlamentario Popular Celso Delgado, Ana Belén Vázquez, Jaime de Olano, Joaquín García Díez e Carmen González Guinda solicitaron a comparecencia en Comisión da ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e da súa secretaria de Estado para informar das causas do colapso do viaduto do Castro na autovía A-6 e sobre as medidas que se adoptarán para a súa reparación, pois trátase dunha vía de comunicación esencial para Galicia e Castela León.
A través dunha serie de iniciativas rexistradas no Congreso sobre o desprendemento do viaduto, os populares preguntan que actuacións realizou e realizará o Ministerio para investigar os motivos do derrube e piden información sobre as previsións para restablecer o tráfico en condicións seguras polo viaduto paralelo da autovía.
Como sinalan os populares, a interrupción da circulación constitúe un enorme problema para os máis de dez mil vehículos que diariamente se moven por esta importante arteria. Isto afecta de modo moi relevante aos tráficos portuarios e aos das industrias e empresas de distribución e, de xeito aínda máis importante, aos transportes especiais.
Cómpre lembrar que o pasado martes 7 de xuño de 2022, por causas neste momento descoñecidas, produciuse un derrube dun tramo do viaduto do Castro da autovía do Noroeste A-6, que conecta o municipio de Vega de Valcarce co lucense de Pedrafita do Cebreiro.
Afortunadamente, este colapso non causou danos persoais porque a estrada estaba pechada ao tráfico desde había un ano e estaban en curso obras de rehabilitación do viaduto en sentido A Coruña. Xa desde a madrugada do mércores, ambos sentidos da A-6 foron cortados entre os puntos quilométricos 432 e 422, pechando tamén o viaduto que soporta os carrís que van en dirección Madrid para comprobar que non hai danos estruturais.
En consecuencia, a comunicación entre Galicia e Castela e León deberá facerse temporalmente pola estrada N-VI, tanto cara á Coruña como cara a Madrid, durante nove quilómetros no paso por Pedrafita.