Os deputados do Grupo Popular Elena Candia, Cristina Sanz e José Manuel Mato visitaron esta mañá as obras de mellora do estadio Anxo Carro que a Xunta de Galicia está a realizar, que avanzan segundo o previsto co obxectivo de que estean rematadas para o comezo da vindeira tempada 2026-2027.
As obras, que suporán un investimento próximo aos 3,6 millóns de euros, dotarán ao estadio de novas gradarías na súa totalidade para adaptalas á realidade urbana e ás necesidades actuais do Club Deportivo Lugo e da súa afección. Ao remate das obras, o estadio incrementará o seu aforo nun 20 por cento, pasando dunha capacidade de 5.400 espectadores actual e preto de 6.500 espectadores.
Ademais da construción dunha nova grada no fondo sur con capacidade para máis de 1.300 espectadores, a reforma tamén inclúe actuacións nas outras tres gradas existentes na actualidade co obxectivo de mellorar a accesibilidade, funcionalidade e seguridade.