Pedro Puy
Cando a autonomía galega iniciaba o seu camiño, un conselleiro novato volveu de Madrid todo cheo de si, tras lograr “arrincarlle a Madrid” a competencia sobre varias estradas. Cando o titular da carteira de Facenda lle preguntou polo financiamento que conseguira para o seu mantemento, o globo estourou. O traspaso viña sen cartos. O que conseguira fora quitarlle un problema a administración central, e ademais gratis.
Daquelas, ao igual que agora, cando se negocia coa Administración Xeral do Estado un traspaso, o financiamento que acompaña á competencia ten que ser o axeitado. Na historia do desenvolvemento autonómico hai exemplos de toda caste. Ás veces se observan dotacións favorables ás CCAA, e outras traspasos que se aceptan a sabendas de que están infrafinanciados. Porque ao cálculo técnico engádeselle o político: algunhas valoracións soan a pagos colaterais (polo apoio ao goberno de turno por algunha minoría nacionalista), outras asúmense, pese a infradotación, para colgarse a medalla de campión do autogoberno. No traspaso da Autopista do Atlántico ambos os problemas, técnico e político, conflúen. O contable porque, a diferenza doutras autoestradas transferidas, o Estado non soporta os custos dun mantemento que se financia (moi lucrativamente para o concesionario) mediante peaxes dos usuarios.
Peaxes elevados porque todos os gobernos, desde os últimos de Franco ao de Zapatero, pasando por Suárez, González e Aznar, financiaron a conservación e as novas obras incrementando as peaxes ou a duración da concesión. Non é o mesmo herdar unha casa que unha casa hipotecada. Tampouco é o mesmo asumir unha autoestrada xa pagada (probablemente con débeda pública do Estado que todos soportamos) e cos cartos que costa mantela, que outra que aínda se está a pagar, vía peaxes e só polos usuarios, e que para liberala habería que volver a pagar e manter só co orzamento galego.
Como é natural, o Parlamento galego introduxo na súa Proposición de Lei para o traspaso da AP-9 cautelas que garantían a viabilidade financeira da transferencia. Fíxoo por unanimidade. Cautelas que ían na dirección do (incumprido) acordo que asinaran BNG e PSOE no ano 2020 para investir a Sánchez, para transferir a Galicia a autoestrada “libre de cargas”.
Sorprendentemente, hai unhas semanas durante a súa tramitación no Congreso, estes dous partidos (e Sumar) pactaron cambiar o texto que apoiaran en Galicia cunha emenda que pospón o traspaso a un futuro acordo coa Xunta, pero que ata (con nós de lei orgánica) o que a Administración Xeral pode ceder. Ponse como teito ás obrigas que a Administración Xeral asumiría, os “límites económicos vixentes á data do Acordo” (coa Xunta). É dicir: pouca cousa, apenas as bonificacións que o ministro Puente quixo endosarlle á Xunta, e que esta tivo que defender (e gañar) nos tribunais. O cambio explicouno mellor que ninguén un deputado soberanista catalán: apoiamos ao BNG, “pero esta transferencia non serve como precedente para Cataluña”. O novo texto non di o mesmo que o que saíu por unanimidade de Galicia. E o (tras)acordo político do BNG cos representantes da administración central é ao revés do usual nestes casos: en contra do interese de Galicia.
Afortunadamente o goberno galego non é novato, nin está disposto a colgarse unha medalla pagando unha peaxe que podería chegar a ser milmillonaria. Que queden eles coa medalla, pero que a transferencia da AP-9 veña, como se pactou en Galicia e é de xustiza, libre de cargas.