O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou a implicación do Goberno galego, ao longo dos últimos once anos, con Ferrol e puxo en valor as actuacións no eido sanitario e social, no naval e na mobilidade.
Así, manifestou a súa decisión de afrontar novos desafíos e demandou o apoio dos ferroláns porque asegurou que, pese ás dificultades e máis que nunca, a súa ilusión e o seu compromiso é que Ferrol siga avanzando.
Ferrol#GaliciaGaliciaGalicia pic.twitter.com/WeEERMLzJD
— Alberto Núñez Feijóo (@FeijooGalicia) June 24, 2020
O presidente dos populares galegos detalla, a través dun vídeo -publicado na súa conta de Twitter- as principais actuacións da Xunta na urbe. Trátase dunha acción conxunta ao resto das grandes cidades, nas que se fai un repaso polos principais fitos e investimentos desde 2009. A través deste vídeo, preténdese poñer en valor todo o traballo realizado, antes de que a pandemia do Covid-19 viñera a cambiar o escenario de prioridades.
PREOCUPACIÓN POLO NAVAL
Unha das maiores preocupacións para Ferrol e a súa comarca é a situación do sector naval. Neste ámbito, Feijóo subliñou o apoio á modernización das instalacións de Navantia para configurar o Estaleiro 4.0, o impulso á industria auxiliar do naval ferrolán, a axuda para converter os estaleiros desta bisbarra en referentes da eólica mariña e o desenvolvemento dun plan de formación do naval.
En concreto, o presidente do PPdeG salientou as actuacións levadas a cabo no ámbito sanitario, como a ampliación do Hospital Público de Ferrol; así como o acondicionamento do Hospital Naval e a ampliación do centro de saúde de Serantes.
A atención ás familias traduciuse nestes anos no incremento de 678 prazas públicas en escolas infantís, pasando dunha ratio do 22 por cento en 2009 ao 63 por cento na actualidade. En concreto, leváronse a cabo actuacións como a Escola Infantil de Esteiro, dotada con 82 prazas e financiada pola Fundación Amancio Ortega; ou a Escola Infantil de Caranza, con 41 prazas.
Do mesmo xeito, o número de prazas públicas en centros ou residencias incrementouse en 643, o que supón un aumento do 60 por cento respecto ao 2009. A estas prazas engádense outras 302 prazas públicas operativas para persoas con discapacidade e máis de 250.000 horas anuais asignadas ao Concello de Ferrol para o servizo de axuda no fogar.
A atención aos dependentes tamén se viu mellorada con actuacións na residencia de Caranza, no centro de atención á discapacidade de Souto de Leixa; e nos centros de día de Esteiro, Caranza, na antiga Casa do Mar e no de Cogami; ás que se engadirá a futura residencia de maiores no Boial.
No que respecta á educación, o Goberno de Feijóo realizou obras en diversos centros, como o IES Sofía Casanova, a EPA Santa María Caranza, o CIFP Ferrolterra ou o CEIP Cruceiro de Canido.
SANEAMENTO DA RÍA E MELLORA DA MOBILIDADE
Feijóo amosou a súa preocupación polo saneamento integral da ría de Ferrol, no que se levan investidos 278 millóns de euros. Na actualidade, estanse executando as obras de saneamento da Malata, que permitirán completar a depuración integral da ría ferrolá.
Ao longo destes anos, o Goberno galego tamén se centrou na mellora da mobilidade en Ferrol e a súa comarca, coa posta en servizo da autovía Ferrol-Vilalba; o proxecto da VAP da Costa Norte; o acondicionamento da AC-566 entre Valdoviño e Cedeira; e o Plan de Sendas para toda a comarca. Así mesmo, Feijóo amosou o seu compromiso coa intermodalidade e polo transporte metropolitano.
Respecto ao porto de Ferrol, o presidente do PPdeG referiuse ao investimento da terminal de contedores. Feijóo tamén se referiu ao ámbito da vivenda, destacando actuacións como as catro ARI declaradas (Magdalena e Ferrol Vello; A Graña; Esteiro Vello; e Recimil), o desenvolvemento do solo residencial de Bertón, no que xa se executaron 52 vivendas de promoción pública e xa se sacaron a concurso público oito parcelas para construír máis de 400 vivendas protexidas; ou o Plan Rexurbe Ferrol.