A deputada do Grupo Popular e portavoz do PP no Concello de Lugo, Elena Candia, lamentou hoxe que os socialistas galegos rexeitaran tallantemente a aprobación no Pleno do Parlamento de Galicia dunha iniciativa solicitando a implicación da Xunta e do Concello lucense na recuperación do edificio do antigo cuartel de San Fernando para que albergue o futuro Museo da Romanización. “Negáronse tres veces a chegar a un acordo, tanto coa emenda que lles formulamos como con dúas propostas de transacción que lles fixemos despois, demostrando que o único que lles importa non é o Museo, senón o partidismo e a confrontación coa Xunta”, dixo.
Elena Candia lembrou á ex-alcaldesa e deputada socialista, Lara Méndez, “o compromiso asumido por vostede mesma o 4 de marzo de 2020 para que o Museo da Romanización fora unha realidade si ou si, poñéndose como deberes que o Concello buscara financiamento complementario ao que ía aportar a Xunta para levar adiante o proxecto de rehabilitación”.
“Ante a falta de argumentos para xustificar a nula xestión do Concello de Lugo, tanto na época de alcaldesa de Lara Méndez como na actualidade, para conseguir o financiamento necesario que permitira levar adiante este proxecto, a deputada socialista optou por un debate bronco e irresponsable en vez de buscar un acordo que implicara a todas as administracións na realización desta obra”, sinalou a deputada popular.
Deste xeito, lamentou que Lara Méndez “incluso rexeitou retomar o acordo acadado por ela mesma coa Xunta para que o Concello de Lugo xestione, perante o Goberno central, a consecución de fondos europeos necesarios para darlle impulso ao Museo da Romanización, tendo en conta que o Goberno galego é a única administración que está a cumprir os seus compromisos e xa leva dous anos poñendo enriba da mesa a súa parte do financiamento comprometida cunha partida específica”.