Santiago, 18 de xaneiro de 2022.- A deputada do Grupo Popular, Elena Suárez, acusou hoxe a BNG e PSdeG de realizar un “deliberado falseamento da realidade” sobre a situación do marisqueo na ría de Arousa, xa que “a Xunta xa está levando a cabo actuacións dirixidas á calidade medioambiental con diagnose da situación; investigación científica das causas e adopción de medidas; investimentos en saneamento; axudas aos afectados para paliar a perda de ingresos; e reunións constantes co sector para consensuar as medidas a adoptar”.
Elena Suárez afirmou que “non se pode reclamar unha mesa de traballo permanente, nin apelar á adopción de medidas acordadas co sector, cando a realidade é que xa hai continuas reunións entre o sector marisqueiro e a Xunta para a análise e seguimento dunhas actuacións que son adoptadas co consenso de ambas partes”.
AXUDAS ECONÓMICAS E SEGUIMENTO DA EXPLOTACIÓN
Ademais, rexeitou que a oposición reclame medios e recursos “cando xa existen convocatorias de axudas económicas para a rexeneración dos bancos marisqueiros, así como asistencia técnica e vixilancia a disposición do sector”.
“E non se pode falar de abandono da xestión cando non existe problema algún por este motivo, cando se analizan e resolven as aperturas mensuais, cando se vai seguimento da explotación e cando desde o Centro de Investigación Mariña se fai un seguimento dos bancos con intensidade idéntica á que se viña facendo”, engadiu.
A deputada popular explicou que a situación pola que atravesaron os bancos marisqueiros do fondo da ría de Arousa o pasado ano “non supón ningunha sorpresa, xa que a elevada mortalidade é consecuencia dun episodio relacionado coa baixada de salinidade tanto nos bancos de libre marisqueo como nos xestionados por confrarías, que xa se repetiu noutras ocasións nestes últimos anos”.
Respecto da posible contaminación química procedente dos ríos Ulla, Umia e Sar, Elena Suárez apuntou que, logo das análises realizadas sobre contaminantes químicos en moluscos bivalvos nos bancos marisqueiros, “non se observan niveis elevados de contaminantes químicos, nin se aprecian diferencias relevantes entre bancos nin entre os diferentes polígonos, nin se aprecia tendencia ao empeoramento”.