Di que o PPdeG seguirá traballando para que os galegos dispoñan das mesmas oportunidades, nazan no rural ou no centro dunha cidade
O número dous dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou que a Comisión de pequenos concellos do PPdeG, que se constituirá mañá, evidencia o compromiso do partido coa igualdade de oportunidades e coas contornas menos poboadas da nosa Comunidade. Nese senso, sinalou que o obxectivo é escoitar de primeira man -dos alcaldes e voceiros- as necesidades reais destes municipios e dar forma ao proxecto político dos populares, que pensa na Galicia rural e urbana porque “non son excluíntes”.
A Comisión, que estará presidida por Patricia Lamela, alcaldesa de Larouco, reunirá a representantes de diversas vilas medianas e pequenas de toda a Comunidade, en especial do noso rural pois, como insistiu, o PPdeG seguirá traballando para que todos os galegos dispoñan dos mesmos servizos e oportunidades, independentemente de que nazan nun pequeno concello ou no centro dunha cidade.
Tras lembrar que xa foron constituídas tamén a Comisión de Economía e Emprego, a de Educación ou a de Igualdade, o número dous dos populares galegos anunciou que nas próximas semanas tamén se constituirán a de Benestar Social, a de Cultura e Turismo e a de Medio Ambiente.
O MODELO GALEGO DE ESTABILIDADE E CRECEMENTO
Por outra banda, Tellado puxo en valor a política de baixada de impostos da Xunta, que está demostrando ser un modelo que crea emprego e fortalece o tecido empresarial. Sobre isto, salientou as cifras da EPA do ano 2021, no que Galicia logrou unha taxa de paro menor que o resto de España -xa estamos mellorando as cifras de desemprego anteriores a pandemia- e tamén o dato de creación de empresas -4.000 novas na Comunidade o pasado ano-.
Para o secretario xeral, este éxito galego só pode explicarse por dúas razóns: unha boa política fiscal, que baixa os impostos para facilitar a actividade de traballadores, autónomos e empresarios; e a estabilidade política, que xera a seguridade xurídica e institucional que necesitan as persoas para emprender e traballar.
Deste modo contrapuxo o modelo recadatorio socialista, que lastra o crecemento, destrúe empresas e dificulta a vida e o traballo de milleiros e persoas; co modelo galego, que xera riqueza, emprego e estabilidade e fomenta a creación de empresas. “Os galegos xa decidiron hai ano e medio o modelo que preferían e estou seguro que moi pronto farano tamén todos os españois”, admitiu.
Ademais, recoñeceu a súa preocupación polas nefastas políticas tributarias que está poñendo en marcha o Executivo socialista, como o novo réxime de cotización para os traballadores autónomos que quere implantar. “O mesmo Goberno que prometía subir os impostos aos máis ricos anuncia agora unha nova subida que afecta directamente ás clases medias e traballadoras e se ceba cun dos colectivos máis castigados pola pandemia: os autónomos”, dixo lamentando a nova “sangría tributaria destinada a pagar o Goberno máis caro da historia da democracia”.
FEIJÓO NA CAMPAÑA DE CASTELA E LEÓN
Por último, o secretario xeral avanzou que o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, implicarase activamente na campaña electoral de Castela e León xa que, ademais de acudir ao peche en Valladolid, participará en diversas actividades que se irán anunciando nos próximos días. “O noso presidente está a disposición do partido para sumar e aportar alí onde poida ser útil”, incidiu.
Igualmente, resaltou que o PP de Castela e León está en posición de mandar unha mensaxe a Pedro Sánchez de que a xente xa está cansa dos gobernos socialistas e dos seus socios, de que se maltrate ás Autonomías e de que se insulte e abandone aos gandeiros, aos autónomos e a todas as persoas traballadoras que xeran riqueza e emprego neste país. “Esta mensaxe foi moi clara nas eleccións en Galicia e tamén en Madrid e estou convencido de que así será en Castela e León e en Andalucía”, sentenciou.