Santiago, 3 de novembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe un programa piloto que mellorará a atención á parada cardiorrespiratoria fóra dos centros sanitarios mediante a coordinación dunha rede de voluntarios que a través dunha aplicación móbil enviará unha notificación cando se produza un suceso deste tipo nun lugar público da súa contorna. “Os voluntarios poderán auxiliar á persoa que sufre a parada mentres non chegan os servizos sanitarios”, sinalou Feijóo.
Este proxecto piloto comezará a desenvolverse en Santiago, en colaboración coa Sociedade Española de Cardioloxía e a Cruz Vermella de Galicia. Nun primeiro momento, os participantes no programa serán os membros da rede de voluntarios da Cruz Vermella, pero o obxectivo é crear un rexistro de persoas formadas en soporte vital básico, listas para seren activadas. Esta información cruzarase co Rexistro de desfibriladores externos de Galicia.
Mellor xestión das emerxencias sanitarias
“Este programa é un dos 11 que está a coordinar o 061 para mellorar a xestión das emerxencias sanitarias”, dixo Feijóo. Entre eles están a formación aos escolares galegos en técnicas de reanimación cardiopulmonar, a creación dun rexistro nacional da morte súbita a nivel prehospitalario e proxectos de investigación para determinar o xeito no que se deben ensinar manobras de soporte vital aos rapaces en idade escolar.
O presidente lembrou que de entre todas as situacións de emerxencia, a parada cardiorrespiratoria é aquela onde unha atención rápida e eficaz pode marcar máis a diferenza. Neste tipo de situacións, a dispoñibilidade inmediata de desfibriladores e voluntarios, que é o que se quere mellorar con este programa, é imprescindible para salvar a vida e minimizar as secuelas.
Esta iniciativa enmárcase nas que se están levando a cabo a través dos programas Innova Saúde e Hospital 2050, que buscan seguir modernizando a Sanidade pública galega. Ademais deste proxecto, impúlsanse outros como a aplicación móbil de localización e guiado de pacientes que presentamos a semana pasada.