Ao mesmo tempo, duplicaranse as deducións no Imposto da Renda ás familias numerosas dende o terceiro fillo, este incluído.
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que as familias galegas con dous fillos e as familias monoparentais con un contarán na vindeira Lexislatura cos mesmos beneficios no IRPF que teñen a día de hoxe as familias numerosas, ao tempo que se duplicarán as deducións a estas últimas dende o terceiro fillo, este incluído.
Las familias con dos hijos y las monoparentales con un hijo tendrán el mismo tratamiento fiscal que tienen hoy las familias numerosas a efectos del IRPF.
Y las familias numerosas van a duplicar sus beneficios en el IRPF por cada hijo a partir del tercero#GaliciaGaliciaGalicia pic.twitter.com/TNeAaDRCxk— Alberto Núñez Feijóo (@FeijooGalicia) July 1, 2020
A medida avanzada por Feijóo convirte a Galicia na primeira CCAA en conceder esta equiparación e un nivel de axudas tan elevado a familias que non teñen concedida esa consideración de “numerosa”. En concreto, esta equiparación traducirase nunha dedución de 250 euros no tramo autonómico da cota íntegra do IRPF. No caso das familias numerosas, a estes beneficios sumarase outra dedución de 250 euros adicionais por cada fillo a partir do terceiro, este incluído.
Nun acto sectorial sobre a Galicia Familiar celebrado esta mañá en Poio, Feijóo asegurou que non hai economía se as familias non funcionan, polo que as familias teñen un oco importante no programa electoral do PPdeG. Deste xeito, lembrou que desde 2009 “traballamos para estar á altura das necesidades das familias galegas, e hoxe somos os primeiros con toda a educación infantil gratuíta a partir do segundo fillo; concedemos cerca de 60.000 Tarxetas Benvida para as familias con fillos; contamos con 25.000 prazas públicas en escolas infantís, o dobre que hai once anos; a Xunta aprobou a primeira Lei de impulso demográfico de España, que se prevé tramitar no Parlamento na vindeira lexislatura; os concellos do rural contan agora con casas niño e casas do maior; somos a segunda comunidade autónoma onde máis baixou o risco de pobreza; hai catro veces máis persoas dependentes atendidas que en 2009, temos 6.000 prazas públicas máis para maiores e persoas con discapacidade; e existe o triplo de centros de día”.
Porén, afirmou que “non nos conformamos con todo isto e temos que seguir sendo referentes a nivel español impulsando medidas de apoio ás familias”. En concreto, anunciou un novo plan de apoio para as familias numerosas que incluirá descontos nas peaxes das autoestradas de titularidade autonómica; un mecanismo de renda para as axudas públicas que teña en conta a súa situación; un apoio específico para as familias numerosas de tipo especial, é dicir, con cinco ou máis fillos; e prezos reducidos nos aparcamentos dos hospitais ou outros centros dependentes da Xunta.
Na súa intervención, o presidente do PPdeG tamén se referiu a outras medidas de apoio ás familias presentes do programa electoral. En concreto, puxo como obxectivo rematar a vindeira lexislatura cunha ratio de cobertura de prazas públicas en escolas infantís do 66 por cento, o dobre do que recomenda a Unión Europea; ao tempo que avanzou outras medidas innovadoras de conciliación, como o fomento dos servizos de atención á infancia nas empresas; máis opcións para atender á infancia no domicilio; o reforzo para os servizos de madrugadores, cando os pais entran cedo a traballar; máis conciliación e flexibilidade horaria; e seguir apostando polas casas niño no rural.
Para rematar, Feijóo manifestou que as persoas maiores “tamén merecen un goberno que os entenda, que respecte as súas preferencias e que os axude a seguir sendo felices nesa etapa da súa vida”. Por isto, sinalou que o PPdeG propón a posta en marcha dunha Estratexia de atención á soidade non desexada; programas de voluntariado para acompañar a persoas maiores que viven soas; estender a todas as zonas rurais galegas o autobús de coidados porta a porta para adiantarse ás necesidades dos maiores; reforzar os programas de teleasistencia domiciliaria; levar as casas do maior á totalidade dos concellos rurais; e avanzar para que todas as persoas con dependencia recoñecida conten con mellores prestacións e máis servizos, para que o que é fundamental que o Goberno central pague a súa metade que lle corresponde no cumprimento da Lei de Dependencia.
CADRO EXPLICATIVO:
Deducións autonómicas IRPF Galicia |
||
|
AGORA |
PROPOSTA PPdeG |
Familia con 2 fillos ou monoparental |
0 |
250 |
Familia con 3 fillos |
250 |
500 |
Familia con 4 fillos |
250 |
750 |
Familia con 5 fillos |
400 |
1.000 |
Familia con 6 fillos |
400 |
1.250 |