Lalín, 18 de setembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que é necesario votar para que Galicia sexa a excepción positiva de España que quere unha grande maioría.
Desta maneira se expresaba o número un dos populares galegos nun mitin celebrado en Lalín, no que facía fincapé en que as enquisas o único que reflicten é que por difícil que sexa, tamén é posible, pero para iso é necesario que o domingo “falemos votando”. “Se Galicia comparte conmigo que, por riba de calquera diferenza, as dúas prioridades son o benestar dos fogares e o progreso do país, falemos votando”, insistiu.
Logo de recordar que na nosa comunidade hai eleccións pola razón contraria polas que as houbo en España, xa que aquí tivemos estabilidade e se cumpriu o calendario; Feijóo apuntou que “o marcador está en empate a cero, as enquisas o único que mostran é o que os galegos din o que prefiren pero para que Galicia sexa a que quere a maioría dos galegos non basta con dicir. É necesario votar”.
“Levo toda a campaña repetindo fálase facendo”, dixo o candidato popular á presidencia da Xunta namentres precisaba que non basta quedar nas verbas porque cre que para Galicia é mellor sumar feitos que enredarse en demagoxias.
E é que para o presidente non basta con dicir que hai que combater o desemprego senón que hai que demostralo xerando actividade económica e confianza para que invistan aquí; tampouco con dicir que se apoia aos autónomos senón que hai que aportar medidas que fagan de Galicia o lugar que máis aposta por eles; non basta con dicir que se defende a Sanidade pública posto que hai que facelo mellorando as condicións, ou porque non abonda con dicir que se apoia ás familias xa que hai que demostralo desde os máis cativos aos maiores.
“E por iso, do mesmo xeito que eu digo fálase facendo eu vos pido a todos vos e a toda Galicia que o próximo domingo falemos votando”, reiterou Feijóo sinalando que isto é o que hai que facer se a nosa comunidade quere un goberno que funcione desde o primeiro minuto despois das eleccións, catro anos de estabilidade e avance sen bloqueos, vetos e parálises; e se se quere unidade, responsabilidade e unha política exercida desde o respecto e a moderación.
O presidente salientou tamén que non hai un só voto nas urnas e que todos os votos son necesarios porque serán decisivos. Así mesmo, sinalou que sabe que pode haber cansazo de tantas eleccións e mesmo que pode ser un día difícil para os que estean de vendimia, pero pediulles a todos que buscaran uns minutos. “Sei que non é sinxelo pero é imprescindible”, asegurou.
Nese senso, Feijóo advertiu que non se pode dar nada por gañado porque non o está, así como animou a votar porque cada voto conta e é moito máis que un día, “son catro anos”. “Non é unha cuestión de partidos. É unha cuestión dos vosos fogares. É unha cuestión de Galicia”, afirmou.