Santurce, 5 de setembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que os populares sempre poñen o interese xeral do país por riba das ideas propias, as súas conviccións por diante de intereses partidistas e o partido antes que os egos persoais dos seus dirixentes.
Nese senso, lembrou que xa o fixeron na oposición, cando asinaron en 15 minutos unha reforma da Constitución indispensable para sacar ao país da situación de emerxencia nacional na que se atopaba, e fixérono ao chegar ao Goberno, cando lles pediron un sacrificio aos españois mentres outros lles pedían un rescate aos homes de negro.
Do mesmo xeito, sinalou que tamén o están facendo desde o pasado 20 de decembro, demostrando que, fronte ao “non polo non” e as aventuras imposibles, o Partido Popular representa un proxecto realista, capaz de negociar e de chegar a pactos para favorecer a gobernabilidade do país.
VALORES COMÚNS
Así se expresaba o presidente, que participou en Santurce nun acto do PP vasco apoiando ao candidato popular a Lehendakari, Alfonso Alonso, ao que definiu como “sólido e honesto, de acreditada traxectoria e co que todos os militantes de Galicia compartimos uns mesmos valores”.
Durante a súa intervención, Feijóo facía fincapé en que no Partido Popular “sempre tivemos claro que os vascos, os galegos e o conxunto dos españois non merecemos asistir á campaña permanente á que nos queren condenar”.
Ademais, segundo alí indicou, se de algo pode presumir o PP, a diferenza doutras forzas políticas, é que conta cun proxecto e un discurso de país, “un proxecto e un discurso para toda España”. “Aquí non hai baróns, senón currantes, non hai ordes desde un despacho da Complutense ou da Diagonal, senón firmes conviccións que nos animan a formar parte dun proxecto común”, precisou.
EN GALICIA SI, EN EUSKADI TAMÉN
Feijóo tamén advertiu que algúns partidos pretenden que o “non é non” destes últimos meses se converta na regra xeral da política española, “pero a maioría dos galegos empeñámonos en ser a excepción. Ese ‘non’ en Galicia nun ‘si’”.
E é que, tal e como admitiu, grazas aos galegos, na nosa comunidade si demostramos que é posible que unha nacionalidade histórica manteña a lealdade institucional e o equilibrio financeiro para non ser un desafío para o Estado, senón un aliado para o interese xeral dos españois. De igual modo, apuntou estar seguro de que, con Alfonso Alonso, en Euskadi tamén si haberá diálogo, goberno e dignidade.