Santiago, 31 de marzo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a reforma da antiga sede da Xunta en Pontevedra, situada na rúa Benito Corbal, co obxectivo de concentrar alí dúas oficinas de emprego que agora mesmo están situadas nun local de alugueiro e para converter o inmoble nun edificio de usos múltiples.
Nesta liña, o mandatario indicou que está prevista unha remodelación integral do edificio, que conta con case 6.000 metros cadrados, está en desuso dende que a Xunta se trasladou ás novas instalacións en Campolongo e lembra que a última reforma no inmoble fíxose xa hai máis de 30 anos.
Por tanto, a proposta da Xunta propón instalar nas primeiras plantas do edificio as oficinas de emprego, unificando nun único espazo a atención ao cidadán e aforrando os 150.000 euros ao ano que custaba o alugueiro das oficinas.
As dúas plantas seguintes poñeranse a disposición de entidades e asociacións de interese social e sanitario para que poidan situar alí as súas oficinas e locais. No que atinxe ás plantas superiores, ofreceranse á Universidade de Vigo para que sitúe nelas os servizos e proxectos que decida.
Segundo Feijóo, con esta actuación non só se facilita ao servizo de emprego, ás asociacións e á Universidade un lugar idóneo para desenvolver a súa actividade, senón que tamén se rehabilita e recupera para a cidade de Pontevedra un edificio agora en desuso.
Así mesmo, o presidente indicou que, de forma inmediata, presentarase este proxecto por parte da Vicepresidencia e da Consellería de Facenda á cidade de Pontevedra e, posteriormente, licitarase o proxecto construtivo toda vez que a Xunta xa conta cun proxecto básico.
Aproveitar o patrimonio da Xunta
O líder do PPdeG sinalou que se trata de proseguir co camiño de diminución de alugueiros.
Como sinalou, búscase o máximo aproveitamento do patrimonio da Xunta a través da concentración de espazos administrativos, da unificación da imaxe corporativa dos espazos pertencentes á Administración e da implantación dunha xestión integral e unificada do patrimonio do Goberno galego.
Trátase, por tanto, dun paso máis na busca de integrar todos os servizos da Xunta dentro dos edificios de titularidade autonómica. Este esforzo intégrase no Plan de Alugueiros, que vai permitir un aforro de 5,65 millóns de euros cada ano.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/2c10RfJQe3w» frameborder=»0″ allowfullscreen ]