Santiago, 17 de marzo de 2016.- O líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, sinalou hoxe que o Consello da Xunta validou o acordo definitivo para a posta en marcha da Lei da Área Metropolitana de Vigo, que dotará aos 14 concellos que a compoñen dun instrumento útil e eficaz ao servizo dos cidadáns.
Logo de lembrar que o pasado mes de xullo acordou co alcalde de Vigo comezar as negociacións para modificar a lei da área de 2012, Feijóo puxo en valor que apenas oito meses despois haxa un texto consensuado entre o Goberno galego e os 14 concellos. Do mesmo xeito, engadiu que este será aprobado definitivamente polo Goberno galego en canto se cumpran os dous requisitos previamente pactados: a validación por parte dos órganos de goberno dos concellos do dito texto e a integración do Concello de Vigo no plan de transporte metropolitano da Xunta.
Con respecto a isto, Feijóo asegurou que a Xunta, pola súa banda, vai axilizar ao máximo os trámites administrativos e seguirá mantendo o seu obxectivo de que, se os concellos cumpren, se poida remitir o texto inmediatamente ao Parlamento de xeito que sexa aprobado neste período de sesións.
As principais cuestións do borrador da lei
Entre as principais cuestións que se inclúen no borrador da lei, o presidente destacou a incorporación dun sistema de voto ponderado á xunta de goberno metropolitana, en función do número de representantes dos distintos concellos e cun mecanismo de corrección para facelo máis equilibrado.
Así mesmo, fixo fincapé tamén na creación dun comité de coordinación en materia de transporte metropolitano, no que terán voz os 14 concellos e no que contarán con voto a Xunta, o Concello de Vigo e un representante do resto dos municipios.
Por outra banda, Feijóo sinalou que o borrador inclúe un sistema de asunción de competencias e financiamento áxil e dinámico, ademais dun mecanismo tamén sinxelo para os novos concellos que se incorporen a área, así como para que algún dos que está poida abandonala se voluntariamente así o decide.
En definitiva, segundo o mandatario, trátase dun texto que é froito dun traballo que rematou en consenso e que recoñece a posición de preeminencia do Concello de Vigo ao tempo que garante un exercicio dialogado dese liderado. Ademais, sitúa a estes 14 concellos como un exemplo en materia de cooperación e ofrece unha ferramenta útil para poder prestar mellores servizos aos seus veciños.