21, marzo, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avogou por unir as forzas para evitar que goberno unha combinación de socialistas, populistas e nacionalistas como o Executivo de Pedro Sánchez, que se ve favorecido, apuntou, cando se divide o voto.
Durante unha charla-coloquio en Mugardos, Feijóo salientou que ao PPdeG, tanto neste concello como en Galicia e en España, aválano os feitos e pode presentar, polo tanto, un balance. Así, dixo que é o único partido que ten “un proxecto propio, un equipo e un gran candidato”, e que se os galegos e os españois queren que goberne teñen que apostar polo PP e non por presuposicións.
O líder do PPdeG incidiu en que Pedro Sánchez quixo gobernar a toda costa, someténdose a Podemos, nacionalistas e independentistas e que o que pretende agora é prolongar un Goberno que non funcionou para España, incapaz de aportar solucións aos problemas dos españois e que foi tamén prexudicial para Galicia, xa que mentres nos orzamentos baixaban os investimentos un 30% para a nosa comunidade, noutras os subían un 60%. É por iso polo que fixo fincapé en que os galegos non lle van dar continuidade a un goberno cun presidente que o único que lle importa é el mesmo.
O QUE SE BUSCA NO PP SÓ ESTÁ NO PP
Así, Feijóo avogou por un goberno estable e un goberno que goberne, como o que hai en Galicia e destacou que a grandeza do PP nace das persoas que, coas súas propostas, fan que sexa un partido grande. Neste senso, asegurou que o que se busca no PP soamente está no PP: un partido de maiorías que goberna para todos, que defende e reivindica a Constitución e o Estatuto de Autonomía e que só se debe aos cidadáns para os que ten que gobernar. Sinalou que, á hora de ter que elixir entre Galicia ou España, os galegos elixen Galicia e España, mentres que o PSOE elixe o que lle mandan os nacionalistas.
Así, o líder do PPdeG destacou que o voto útil para Mugardos, Galicia e España está no PP, a única vía segura para que non goberne Pedro Sánchez. Para finalizar, remarcou que, fronte ao Goberno que fracasou de Pedro Sánchez, aos galegos iralles mellor cun goberno estable como o de Galicia que leva dez anos tendo a confianza da xente e contribuíndo ao progreso.