5, novembro, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, contrapuxo o modelo do PSOE, que só fala sobre política social, co do Partido Popular, que traballa polas familias: “Creo na política de feitos”.
Durante un encontro con entidades sociais na Coruña, sostivo que, o próximo domingo, os galegos teñen a oportunidade de votar ao único partido que garante un Goberno que practique a política útil. E é que, tal e como salientou, tras ano e medio de campaña electoral, é preciso que España conte cun Goberno que estea centrado nas familias e que, en vez de dedicarse só a falar sobre o benestar, senón que faga o necesario para incrementalo.
PALABRAS E FEITOS
“Unha política social seria e sostible non se constrúe a través dos venres sociais nin de promesas”, remarcou Feijóo, quen dixo que nin os anuncios electorais nin os golpes de efecto serven para axudar a quen máis o necesita: “O importante non é falar, senón mostrar o que se fai”. O líder do PPdeG aproveitou para recordar que Galicia está a asumir máis do 75% da factura dos servizos de dependencia, cando o que debería aboar é o 50% e o Estado o outro 50%; ao tempo que se referiu á posta en marcha da Lei de impulso demográfico, a primeira en España, e ao orzamento que Galicia destina para discapacidade, o maior da súa historia.
Neste punto, incidiu en que a política, e especialmente a social, non se trata “de contos, senón de contas” e indicou que Galicia vén de presentar un ano máis os orzamentos en tempo e forma, “os máis sociais da historia”. “Creo nos partidos que fan e pouco nos que falan, porque o falar e o facer non sempre coinciden. En Galicia, fálase facendo”, indicou Feijóo. Así, explicou que, fronte o Goberno de Pedro Sánchez, que se nega a aboar os 700 millóns de euros, Galicia, de cara o vindeiro ano, investirá máis en educación, en sanidade e nos servizos sociais.
Neste senso, Feijóo subliñou o compromiso do Goberno galego coas políticas sociais. Así, referiuse ás casas niños e casas do maior, ao Decreto de concerto social, á Tarxeta Benvida, á política en materia de escolas infantís, nas que a nosa Comunidade é unha referencia a nivel nacional, sinalando que a partir de 2020 as familias galegas terán a escola infantil gratis para o segundo fillo e sucesivos.
UN GOBERNO QUE GOBERNE E TRABALLE
Para rematar, avogou por centrarse no que nos une e pensar no goberno que queremos: que goberne e que non perda o tempo en discusións; que traballe e que non estea sumido nunha campaña electoral permanente; que respecte a Galicia; e que teña vocación social. Neste senso, Feijóo fixo fincapé en que o único partido que ofrece estabilidade, responsabilidade e feitos é o Partido Popular. Do mesmo xeito, apuntou, que é garantía para unha España sen sobresaltos e que siga creando emprego.
E recalcou que non se pode desvincular o Estado de Benestar coa boa marcha da economía, xa que, tal e como explicou, “se non vai ben a economía non irá ben a política social”.