A Coruña, 15 de setembro 2017.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, participou este venres na pulpada organizada polo PP de A Coruña na cidade herculina ante máis de 300 simpatizantes, nos que celebrou ver a un partido que “está vivo e ten moitas ganas”.
Acompañado pola presidenta local, Beatriz Mato, e polo presidente provincial, Diego Calvo, o líder dos populares galegos pediulles a todos os presentes que constrúan un proxecto baseado na unión, e “que sume, non que reste”. “Nós non pedimos carné nin pedigrí a ninguén. Cantos máis coruñeses se suban a este barco, máis posibilidades teremos de triunfar”, subliñou.
Así, reclamoulle aos simpatizantes que intenten atraer a todos aqueles que pensen “que esta cidade pode ir mellor” e que crean “que as Mareas de Podemos están a darlle un rumbo equivocado”, dado que o PP é “o único partido que fai auténtica oposición na Coruña e seremos o único cun programa claro de goberno”.
Deste xeito, quixo contrapoñer a parálise na que a Marea ten sumida á urbe herculina, cunha Galicia que “segue avanzando”. Neste sentido, lamentou que “A Coruña está desaproveitando grandes oportunidades por unha xestión municipal que se sitúa entre mala e inexistente”, ao tempo que na Comunidade “temos máis crecemento, máis emprego, máis exportacións, máis turistas e unhas mellores infraestruturas sanitarias”. Da mesma maneira, Feijóo reprochou que haxa alcaldes “que empregan os seus cargos para pedir referendos de independencia en lugar de exercer as súas funcións”.
“Podemos poñer fin a esta inxustiza”, reflexionou. “Podemos facer que A Coruña volva funcionar. Pero só podemos facelo se traballamos en equipo”, insistiu. Así, animou ao partido a que nos 20 meses que quedan ata as eleccións municipais estea atento ás xogadas dos rivais e que deseñe “unha proposta atractiva e así gañaremos”.
“Para gañar dependemos de nós mesmos: do noso esforzo, das nosas ganas, da nosa ilusión e de saber transmitilo”, enfatizou, para valorar positivamente o traballo realizado pola agrupación local desde o pasado Congreso no que foi elixida presidenta Beatriz Mato.
Ademais, o presidente animou aos afiliados a que non baixen os brazos e que sigan convencendo aos coruñeses de que é o PP o que ten “as solucións aos problemas que crean as Mareas de Podemos”. “Onde eles crean apatía, nós poremos ilusión; onde eles só xeran dúbidas, nós daremos respostas; onde eles defraudan, nós cumpriremos; fronte á súa Coruña paralizada, nós traballaremos por unha Coruña imparable”, concluíu.