O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, clausurou este sábado o congreso local da formación en Pontevedra, no que resultou elixido Rafael Domínguez como novo presidente. Feijóo gabou o “compromiso con Pontevedra”, o “espírito emprendedor” e a “fortaleza de carácter” de Domínguez, do que subliñou que “sabe escoitar” e “ten a forza e as enerxías necesarias para afrontar este importante reto”. “Estamos a vivir un día grande para o Partido Popular, pero tamén para Pontevedra”, apuntou, para expresar que este conclave é unha oportunidade para “afrontar con certezas o futuro” e volver a ilusionar á cidade.
Pola contra, o líder dos populares galegos lamentou que “despois de 20 anos, moitos pontevedreses miran hoxe cara á Casa do Concello e ven un proxecto esgotado encabezado por un alcalde canso de escoitar as reclamacións dos veciños e de ter a iniciativa”. “O Goberno local desta cidade preocúpase moito polo chasis, polos acabados e porque Pontevedra teña bos extras, pero ten totalmente desatendido o motor da cidade”, salientou o presidente aludindo á economía da cidade. Neste sentido, amosouse preocupado de que aos autónomos, aos emprendedores e ás empresas pequenas, medianas e grandes “se lles transmiten centos de sinais de que en Pontevedra non son ben recibidos”.
Por iso, o presidente explicou que estamos ante unha “oportunidade histórica” para que isto cambie e que “o motor de Pontevedra volva funcionar coa po-tencia de sempre”, polo que pediu unha cidade axeitada para emprender; con capacidade para captar investimentos; onde aos emprendedores non se lles poñan trabas, senón facilidades; e onde as empresas non sexan, por definición, non gratas”.
Neste sentido, Feijóo tamén reivindicou o papel da Xunta nos últimos anos para dinamizar Pontevedra de cara ao futuro, con proxectos xa en marcha como a mellora da intermodalidade entre as estacións da cidade; un investimento de 3 millóns de euros en novas sendas para a comarca; a variante de Alba; o novo edificio xudicial da Parda; a mellora no saneamento da ría de Pontevedra, con varias actuacións previstas; a remodelación da antiga sede da Xunta en Benito Corbal; a futura residencia de maiores, con 120 novas prazas públicas de atención á dependencia; ou o Gran Montecelo, “que deixará a Sanidade pública pontevedresa preparada para atender as necesidades asistenciais das cinco vindeiras décadas”.
LEMBRANZA A RAJOY E CRÍTICAS A PEDRO SÁNCHEZ
O líder dos populares galegos tamén quixo acordarse do presidente Mariano Rajoy na súa cidade, do que dixo que “demostrou na súa saída a mesma grandeza que o caracterizou nestes anos no Goberno de España”. Así mesmo, destacou do pontevedrés que cumpriu todos os compromisos que asumiu á fronte do Executivo central.
“Éncheme de orgullo pertencer a un partido que sempre antepón os intereses do país aos intereses partidistas”, recalcou, para lamentar que o novo Goberno de Pedro Sánchez “só ten un obxectivo: ser útil aos intereses electorais do Partido Socialista”.
Deste xeito, quixo criticar algunha das primeiras decisións que tomou este Executivo, como abrir a porta a novas cesións aos nacionalismos vascos e cataláns, ou pactar con Podemos un cambio en Radiotelevisión Española que lles garanta o seu control.
Neste senso apuntou que tanto para Pedro Sánchez como para aqueles que apoiaron a súa moción de censura “unha RTVE plural é aquela que elixe o líder de Podemos”. Ao fío desto lembrou que Pablo Iglesias tíñase marcado como obxectivo “fundamental” facerse co control do ente público e, segundo apuntou Feijoó, “están a piques de acadalo” algo que, dixo, “lamentaría polos miles de profesionais do ente, que non o merecen e teñen dado mostras de facer unha televisión plural do que nos orgullecemos todos os españois”.
Por último, afirmou que fronte a un Rajoy que preferiu “ser ex presidente que pactar en contra dos intereses xerais do país” está Pedro Sánchez, un presidente “sometido ás facturas que nestes intres está empezando a pagar”.