Santiago, 3 de novembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o Goberno galego destina máis de 4,2 millóns de euros a realizar melloras e obras de adecuación nas escolas infantís e nos puntos de atención á infancia da rede autonómica.
Trátase dunha medida que se suma a outras como a posta en marcha este mes das 30 primeiras casas niño no rural e á liña de subvencións para abrir novas escolas infantís nos polígonos industriais. O obxectivo da Xunta é que teñan cada vez máis prazas e sexan accesibles para máis familias.
Feijóo sinalou que en total estanse a mellorar 164 escolas infantís nas catro provincias galegas. Así, nas escolas das rede Galiña Azul, dependentes da Administración autonómica, melloráronse 92 escolas da Galiña Azul, o que supón máis dun 55% da rede, e estanse a mellorar tamén 72 escolas de titularidade municipal a través dunha liña de subvencións cofinanciada con fondos Feder.
Así mesmo, incidiu en que a través desta convocatoria son subvencionables ata o 100% dos seguintes investimentos, cun máximo de 35.000 euros por concello: obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas da escolas infantís; adquisición e mellora do equipamento do centro; e dotación de conexión de internet e compra de dispositivos electrónicos para integrar as novas tecnoloxías na aula.
Segundo detallou, hoxe hai dispoñibles en Galicia máis de 22.300 prazas sostidas con fondos públicos, das cales 1.800 comezaron a funcionar este curso. Con isto, Galicia sitúase nunha ratio de cobertura do 37% dos menores de 3 anos e supera a ratio mínima aconsellada pola Unión Europea. Esta cifra contrasta coa cobertura do 19% que rexistraba en 2009.
Deste xeito, acádase o obxectivo de que todas as familias que soliciten unha praza de atención á infancia de 0 a 3 anos a obteñan e non exista lista de agarda.
Por outra banda, o presidente fixo fincapé en que esta actuación é complementaria a outras que se están a poñer en marcha para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, como por exemplo o Bono Concilia ou o Bono Coidado.