O Pino, 3 de xuño de 2017.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que, fronte aos que din “non a todo” o PPdeG “di si a Galicia, si a mellorar Galicia e si a modernizar Galicia”.
Durante a súa participación na Romaría do PP da provincia da Coruña celebrada este sábado no concello do Pino, Feijóo valorou ao PPdeG como o partido máis próximo ao sentir dos galegos. Así, no ecuador dos mandatos municipais, e aos mandos dun partido que ten a vista posta en ofrecer a súa mellor versión nas vindeiras eleccións locais, Feijóo aseverou que os populares teñen tanto o mellor proxecto como o mellor equipo de cara ao futuro.
O mandatario advertiu que o reto é importante, e non será doado, aínda que lembrou que os populares xa lograron un fito histórico nas pasadas eleccións autonómicas, ao acadar unha maioría absoluta única en toda España.
A PARÁLISE DAS MAREAS
Feijóo recalcou ademais que, malia que parece que tomaron posesión onte, os alcaldes das cidades da provincia da Coruña van camiño de gastar a metade do seu mandato. Así, afeoulles que teñan sensibilidade con quen incumpre a Lei pero desprezo cara a quen a defende, e ambigüidade calculada con quen altera a convivencia pero menospreza a quen quere vivir nun clima de respecto e educación.
UN PSOE AUSENTE
O líder do PP galego tamén se referiu á complicada situación interna que viven os socialistas nos últimos tempos, e dixo non saber o que pasará en España co PSOE despois das primarias nas que resultou novamente elixido secretario xeral Pedro Sánchez.
Ademais laiouse de que o PSOE en Galicia hai xa dous anos que non existe e, segundo dixo, os seus restos nada máis que son os restos que ás Mareas de Podemos lles faltaban para estar nos gobernos.
ENCARAR O RETO CON ILUSIÓN
Despois de repasar a situación dos principais partidos da oposición ante máis de 3.500 afiliados e simpatizantes da provincia da Coruña, o presidente instou a cada unha das agrupacións locais representadas a conformar proxectos sensatos e que ilusionen aos veciños dos seus concellos.
Por último recomendoulles traballar duro e facer valer a súa valiosa experiencia para encarar o reto das vindeiras eleccións municipais ofrecendo a mellor das versións posibles do PPdeG.