Santiago, 31 de marzo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Consello da Xunta acaba de coñecer a aprobación unha nova liña de axudas destinada a fomentar a creación e desenvolvemento de pequenas empresas non agrícolas no rural, dotada con 3,5 millóns de euros para este 2016. “Sen dúbida é importante impulsar a diversificación do tecido produtivo no noso mundo rural”, explicou o presidente.
Estas axudas son totalmente novas. Teñen como precedente máis próximo unhas axudas para implantar as TIC nas microempresas rurais. Agora “ábrese o abano de posibilidades”, tal e como dixo Feijóo, pois elévase o limiar de persoal (de menos de 10 traballadores a menos de 50) e de facturación anual (de 2 a 10 millóns de euros) para que as empresas poidan acceder ás axudas. Ademais, tamén eliminamos a necesidade de que as empresas estean orientadas a sectores ou actividades concretas.
O importe das axudas alcanzará o 45% do investimento total, cunha achega máxima de 200.000 €, e poderá cubrir proxectos como industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais, agás empresas de maquinaria agrícola e forestal e de servizos enerxéticos; iniciativas de servizos sociais coma garderías, coidado de anciáns, persoas con discapacidade ou granxas-escola; actividades nos sectores da enxeñería, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria; comercio polo miúdo e restauración turística, agás actuacións en bares e cafeterías.
Criterios de valoración
Entre os criterios que se terán en conta á hora de conceder as axudas están: a localización do proxecto —“imos valorar positivamente os que se sitúen en zonas de montaña ou en concellos moi envellecidos”, indicou—; a tipoloxía do promotor, primando ás mulleres, persoas menores de 35 anos, con discapacidade ou desempregados maiores de 55 anos; a tipoloxía do proxecto e o número e calidade dos empregos creados.
“Estas axudas ás empresas non agrícolas do mundo rural complementan coa liña de axudas de subvencións que puxemos en marcha en 2016 e que totalizan 85,3 millóns de euros para o mundo rural”, lembrou o presidente. Isto engloba as axudas aos investimentos en explotacións agrícolas, para a creación de empresas polos agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións (que ascenden, en conxunto, aos 57,5 millóns de euros); os 10 millóns de euros que investimos en apoiar o sector forestal nos seus investimentos en tecnoloxía e comercialización dos seus produtos e os 14,3 millóns de euros consignados para axudas para o sector agroalimentario.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/FBg2WfQA64E» frameborder=»0″ allowfullscreen ]