09, marzo, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, dixo que, “ante o PSOE de Pedro Sánchez, está a garantía do PP; ante o populismo que só busca romper e só consegue autodestruírse, está a firmeza do PP; ante o nacionalismo e o independentismo que divide está unir as forzas no Partido Popular; e ante os partidos aos que Galicia non lles importa absolutamente nada, está o voto útil para Galicia que é ao Partido Popular”.
Nesta liña, o líder dos populares galegos, que participou nun mitin en Ribadeo, indicou que o futuro está nas mans dos galegos e que os obstáculos e as incertezas superaranse votando nas urnas. Así, Feijóo apuntou que o PP non só quere unha “maioría ampla” para gobernar e para que, así, España poida progresar e teña un goberno estable e para todos: “Esa maioría ampla é posible se todos os que prefiren que goberne o PP antes que Pedro Sánchez apoian ao Partido Popular”.
Asegurou, tamén, que, do mesmo xeito que o PP é a única alternativa á combinación de Pedro Sánchez con populistas e nacionalistas, só hai un xeito de que goberne o PP, que é votándoo.
Feijóo, que salientou que non basta con proclamas, senón que hai que gobernar; aseverou que o PP ten un proxecto e respostas en educación, en sanidade, en medio rural, en mar e nos servizos sociais para cada lugar da nosa Comunidade.
UN PRESIDENTE CON OUTRO OBXECTIVO
O presidente dos populares galegos destacou que, ao igual que España precisa dun goberno que só se deba aos españois e non aos seus socios; Galicia precisa dun goberno central que a teña en consideración e que non presente uns orzamentos que a prexudiquen; e Ribadeo e a súa comarca necesitan un goberno que demostre que lle importan.
Feijóo fixo fincapé en que o fin de Pedro Sánchez non é España, nin o interese xeral, nin os españois, senón el mesmo: “Se ten que aliarse con Podemos, nacionalistas, independentistas e Bildu, faino; e se ten que pasar por riba do Congreso dos Deputados, faino”.
UN GOBERNO COMO O DE GALICIA
Por outra banda, o líder do PPdeG incidiu en que o 28 de abril será o momento no que España volva ás mans de todos os españois, tras estar nas de Pedro Sánchez, Podemos e secesionistas. Por iso, avogou porque os galegos unan as súas forzas para que no país haxa un Goberno estable como o de Galicia.
Feijóo, quen apelou ao voto útil que representa o Partido Popular, subliñou que unha maioría clara é necesaria para que haxa gobernabilidade, estabilidade e un goberno que goberne, tal e como acontece hoxe na nosa Comunidade.