Indica que o obxectivo dos populares é que a Comunidade creza e incide no seu compromiso co emprego, coa industria e coa reactivación económica
O candidato á Presidencia do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que entre o “non a todo” do BNG e o “si a todo a Pedro Sánchez” do PSdeG, só o seu partido defende os intereses de Galicia, incidindo en que os populares teñen un modelo económico, unha folla de ruta que seguir e o mellor equipo para acadar un obxectivo: que a Comunidade creza.
Durante a Xunta Directiva provincial do PP da Coruña na que presentou o seu proxecto de cara ao 17º Congreso autonómico, lamentou que o modelo económico do BNG estea baseado en negarse a todo: ao Xacobeo, a captar novos proxectos industriais e a apoiar aos que xa hai en Galicia, como ENCE; ás enerxías renovables, como a eólica, a eólica mariña ou a hidráulica; ou á construción militar en Ferrol. “Se o seu modelo é o do independentismo vasco e catalán, o de Otegi e Junqueras, de fuga de empresas e perda de investimentos, os galegos temos claro que ese non é o noso”, engadiu.
Pola súa banda, cuestionou tamén que os socialistas galegos estean de acordo con todo o que decide Sánchez, ata o punto de aceptar que baleire os estaleiros ferroláns, que non haxa estatuto electrointensivo, que penalice a Galicia con 681 millóns de Fondos Covid menos do que nos correspondería e incluso lles pareza ben o peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama.
UN PARTIDO QUE PENSA NA REACTIVACIÓN
Feijóo salientou a importancia de aproveitar o impulso do verán para que a recuperación económica sexa máis intensa, sólida e segura. Por este motivo, indicou que os populares presentaron o relatorio “Máis emprego e menos impostos”, centrado na reactivación e o crecemento, que é o que Galicia necesita para ser unha terra aínda máis próspera, atractiva e competitiva.
Igualmente, lembrou que, antes de que a pandemia o cambiase todo, a Comunidade tiña unha folla de ruta económica definida, con seis anos de crecemento e creación de emprego ininterrompidos, un camiño ao que -asegurou- hai que volver.
DEFENDER O EMPREGO
“Na defensa do emprego, da industria e da actividade económica sempre nos van atopar aos populares galegos”, remarcou aclarando que, aínda que politicamente estean sós loitando pola nosa economía, estarán acompañados dunha sociedade que quere vivir, traballar e un futuro para a súa terra.
Sobre isto, recalcou que non se defende o emprego co peche sen alternativa de industrias estratéxicas, como as centrais das Pontes ou Meirama; deixando sen carga de traballo a Navantia en Ferrolterra e sen garantir os investimentos necesarios para ter un estaleiro de futuro; poñendo en risco ao noso sector forestal e ás 80.000 familias que reciben ingresos da venta de madeira; ou cunha política enerxética que aboca ao peche das industrias electrointensivas e deixa tocadas tamén ás pequenas empresas e aos autónomos.
De igual modo, explicou que, malia que o Goberno central anuncie algunha mínima baixada de impostos, a economía non se arranxa con parches nin con ocorrencias senón cunha política seria que sirva para crear un entorno de emprendemento e actividade económica.
UNHA TRANSICIÓN XUSTA
Na súa intervención, o candidato destacou a aposta dos populares por construír unha economía máis verde, máis innovadora e que transforme o noso modelo produtivo, pero sen desmantelar os sectores nos que a Comunidade é líder.
De feito, resaltou a oportunidade histórica que son os Fondos Next Generation, para a que Galicia presentou unha proposta sólida, traballada e coordinada cun comité de expertos económicos, coas empresas implicadas e co desenvolvemento de sectores de futuro. Por todo isto, insistiu na necesidade de competir en igualdade de condicións, reclamando ao Executivo central claridade nos criterios, xustiza no reparto e que se teña en conta a calidade dos proxectos para que a nosa Autonomía poida obter un gran éxito.
O DECENIO XACOBEO COMO MOTOR
Así mesmo, Feijóo referiuse ao decenio Xacobeo que a Comunidade ten por diante e que deberá supoñer unha reactivación cultural, do emprego e do noso posicionamento internacional; ademais dunha oportunidade para seguir sendo un referente en turismo de calidade, consolidándonos como un destino seguro, explotando as nosas potencialidades naturais e paisaxísticas, e apostando por experiencias innovadoras e sustentables. “Aproveitaremos este Bienio Santo como un motor da recuperación, pero tamén para que o seu impulso nos axude a comezar a traballar no Xacobeo 2027”, concluíu.