Santiago, 17 de marzo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanza que a terceira edición do programa de financiamento Galicia 1000 reforza o orzamento un 10% ata chegar aos 100 millóns de euros, o que permitirá mobilizar 330 millóns e apoiar case 1.500 proxectos de pemes galegas.
“O que buscamos é que ningún proxecto solvente se quede sen apoio”, aseverou, incidindo en que o programa enmárcase na prioridade da política económica da Xunta de fortalecer o tecido empresarial e industrial de Galicia, reforzando o investimento que permita crecer ás compañías, impulsando a súa capacidade innovadora, a súa internacionalización e a súa adaptación á Industria 4.0.
Neste senso, Feijóo precisou que o programa Galicia 1000 encaixa en todas esas liñas, e tamén na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que ten como obxectivos crear 50.000 empregos industriais ata 2020 e elevar o peso da industria no PIB ata o 20%.
O mandatario lembrou que esta iniciativa permitiu nos dous anos que leva vixente poñer en marcha máis de 2.000 proxectos na comunidade, mobilizando 400 millóns de euros. E, destacou que a nova edición ten como unha das súas principais novidades a inclusión de instrumentos financeiros innovadores entre as distintas ferramentas das que disporán as empresas, sumándose a liñas como as de capital risco, os préstamos Jeremie e BEI, ou as liñas de avais.
Feijóo concluíu facendo fincapé en que o novo Programa Galicia 1000 conta con maior dotación orzamentaria e con ferramentas renovadas, “co obxectivo de garantir que un proxecto viable en Galicia poda contar cun financiamento público no caso de que cumpra os requisitos de viabilidade e solvencia desde o punto de vista empresarial”.