Salienta a necesidade de traballar dende a unidade e o consenso e subliña que a educación é a vacina máis potente para erradicar esta lacra
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que os populares seguirán combatendo a violencia machista as 24 horas do día e os 365 días do ano, un obxectivo para o que se precisa de traballo e implicación. “É unha enfermidade social coa que temos que acabar”, engadiu.
Así se expresaba no acto «Violencia de xénero, a outra pandemia a combater», celebrado esta mañá en Santiago, onde recalcou que non podemos continuar sumando vítimas asasinadas e aseverou que o seu partido continuará loitando para que o número sexa cero. Segundo sinalou, reverter esta situación ten que ser unha prioridade pola súa transcendencia e polas súas consecuencias.
Malia que as ferramentas políticas sexan parte da solución, o líder dos populares galegos aclarou que non se pode politizar unha cuestión que é un problema de Estado. Por este motivo, animou a buscar a máxima unidade e consenso para rematar con esta lacra e a deixar de lado as actitudes dos que pretenden dar leccións.
Neste sentido, destacou que a mellor vacina para atallar este problema é a educación “en liberade, despolitizada, sen ideoloxías e en formación”; e fixo fincapé en mudar entre todos as mentalidades e os comportamentos machistas que lastran á sociedade.
ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA CON FEITOS
Durante a súa intervención, o presidente afirmou que hai que acabar con a violencia de xénero con feitos e non con xestos. Sobre isto, precisou que dende o mes de setembro deuse un paso máis nese camiño e a Igualdade pasou, xunto con Emprego, a ter categoría de Consellería, ademais de reforzarse coa xa existente Secretaría Xeral: “Xunto coa educación, o emprego é o outro piar básico onde se deben sustentar as políticas de igualdade do século XXI. Cando hai emprego hai liberdade e cando hai liberdade hai igualdade.”
De igual modo, remarcou que o 20 de marzo, desde o primeiro minuto, o Goberno autonómico puxo en marcha un Plan de reforzo para garantir a seguridade das vítimas durante o estado de alarma co que, a través de case unha vintena de medidas, buscouse mitigar esa situación de illamento e que as mulleres se sentisen acompañadas e protexidas. Deste xeito, mantívose a operatividade normal dos servizos pero fortaleceuse a Rede de centros de acollida, ampliouse o Bono de alugueiro social e lanzouse unha ampla campaña institucional para lembrar todos os recursos dispoñibles.
Nese senso, Feijóo manifestou que só no primeiro semestre deste 2020 concedéronse axudas económica a 505 mulleres vítimas, 109 máis -case un un 28% máis- que no mesmo período de 2019.
PIONEIROS NA LOITA
O líder do PPdeG tamén puxo en valor a creación de novos recursos que serven de exemplo para o resto do Estado. Recordou que, en 2019, Galicia foi pioneira coas axudas de indemnizacións económicas dirixidas aos menores de 30 anos que sexan fillos de vítimas mortais por violencia machista, e tamén o foi nas indemnizacións para as mulleres que resulten gravemente feridas como consecuencia dunha agresión.
Da mesma maneira, mencionou máis actuacións contundentes en anos anteriores, como que Galicia foi a primeira Comunidade en regular a formación do seu persoal en materia de igualdade e prevención da violencia, contamos cun servizo de quenda de garda psicolóxica para as mulleres vítimas e os seus fillos menores e tamén coa primeira vivenda tutelada especializada para mulleres vítimas da violencia con enfermidade mental. Igualmente, somos a única Autonomía que mantén no tempo -desde 2006- e mantén a dotación económica -en torno a 600 euros ao mes- das axudas periódicas para mulleres vítimas.
Ademais, subliñou que o Pacto de Estado contra a violencia de xénero está vixente e por iso estase cumprindo o seu contido: Galicia xa ten activas o 60% das medidas encomendadas polo pacto con marxe de 2018 a 2022 e prevese dar cumprimento ao 100% dos obxectivos.