Valladolid, 1 de abril de 2017.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou esta mañá que se os cidadáns, elección tras elección, reafirman a súa confianza nos populares “é porque nos ven a mellor opción para facer unha España mellor para o presente e para o futuro”.
Así se expresaba Feijóo durante a súa participación no Congreso autonómico do PP de Castela e León, no que sinalaba que, con procesos de renovación como os que se ven nestes conclaves, o PP demostra que o importante non son as caras senón as ideas; que están en evolución constante sen renunciar á súa esencia; e que o cambio non significa confrontación, senón un novo impulso.
UN MODELO A SEGUIR
Durante a súa intervención, Feijóo quixo poñer en valor a traxectoria de Juan Vicente Herrera, “unha desas persoas que nos fan seguir crendo na política”. Tras cualificalo como “un gran xestor, que impulsou o crecemento de Castela e León ao longo destes 16 anos”, engadiu que soubo entender moi ben o que necesitaban os veciños desa comunidade e que por iso conseguiu revalidar a súa confianza catro veces.
Así mesmo, e logo de destacar a súa honestidade, sinceridade e que “sempre defendeu con paixón aquilo no que cre”, asegurou que non só escribiu un capítulo moi importante na historia de Castela e León senón tamén na de España.
Segundo dixo, gañouse ser lembrado polos cidadáns como un gran presidente. “Es un modelo a seguir para todos os presidentes autonómicos que chegamos despois de ti, eu incluído”, remarcou.
CONSTRUÍR UN PAÍS MELLOR
Por outra banda, tamén aproveitou o seu discurso para destacar a experiencia e o talento do candidato á presidencia do PP de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, lembrando que tras pasar por todos os niveis da Administración sabe o que significa o servizo público. “Non me cabe dúbida de que dentro de dous anos será presidente de Castela e León”, apuntou antes de sinalar que o gran reto da comunidade resúmese en que “cada cidadán sinta que, connosco no Goberno, estará a construír un país mellor para os castelán-leoneses do futuro”.
“Estou convencido de que a ilusión, as ganas e as ideas que vexo hoxe aquí serán as que devolverán ao Partido Popular de Castela e León unha maioría moi merecida en 2019”, concluíu.