O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, destacou que Ferrol é unha prioridade para o PPdeG, de aí que José Manuel Rey, “un membro importante do Goberno de Galicia”, sexa o candidato á Alcaldía: “Poñemos a disposición de Ferrol un equipo que funciona como equipo, un líder que lidera e un político que serve con política útil”.
Neste senso, salientou que o candidato –de quen dixo que foi un “conselleiro competente, capaz e eficaz”- non volve a Ferrol, xa que nunca se foi, porque “sempre o tivo presente” tanto na súa acción de goberno como cada semana no consello da Xunta. “Durante estes tres anos nos que non houbo goberno municipal, foi máis alcalde e exerceu máis como alcalde, velando polo benestar dos ferroláns e por Ferrol, José Manuel Rey que quen debía ostentar o cargo”, sinalou Feijóo.
Neste senso, indicou que grazas ao esforzo dos galegos e con Rey como conselleiro, “hoxe Galicia é máis social que nunca”: con máis medidas de integración; máis prazas públicas de gardería, residencia, centros de día, atención á discapacidade; máis dependentes atendidos que nunca; e isto debémosllelo “ao mellor conselleiro de Política Social da historia recente de Galicia”
“Hai balance porque houbo esforzo, traballo, ilusión e servizo público, xusto o contrario que estes anos”, apuntou Feijóo, quen contrapuxo a Rey cos que quixeron gobernar a calquera prezo e agora pregúntanse “para que”.
O presidente do PPdeG pediu traballar con intensidade para gañar as próximas eleccións e recuperar a actividade da cidade, porque “Ferrol necesítao e meréceo”. “Sei que non é fácil lograr unha maioría excepcional
–engadiu-, pero podedes conseguilo porque coñezo ben a José Manuel Rey e o seu modo de traballar”.
Feijóo apuntou, ademais, que quen escoita ao candidato sabe que ten un proxecto, unha idea de cidade, un balance, unha experiencia acreditada e unha vocación de servizo público: “Os catro anos difíciles de José Manuel Rey como alcalde de Ferrol aínda cobran máis valor porque, con moito menos e en peores momentos fixo moito máis”. Por iso, dixo que nas próximas eleccións municipais os ferroláns poderán elixir entre quen só cumpriu unha das súas promesas, a de que non viñan ao concello a xestionar, ou José Manuel Rey, que está hoxe aquí porque cumpre sempre co seu deber. Ademáis destacou que o candidato “ten renunciado a todo por ser alcalde de Ferrol”, algo que “non o pode dicir ningún candidato da cidade”.
O presidente dos populares galegos avogou por poñer en marcha un proxecto máis ambicioso para Ferrol, destacar o esforzo diario dos ferroláns e aproveitar os seus recursos. “Todo isto pódese lograr cunha cidade que o merece, un partido con persoas que se involucran e un alcalde como José Manuel Rey”, salientou Feijóo.
“O PP de Ferrol é a opción política de todos os ferroláns que queren a Ferrol, sen excepción”, dixo Feijóo. “Saben –continuou- que a cidade non pode permitirse catro anos máis de desencontros, non queren ver a súa cidade condenada permanentemente á inestabilidade”. Durante a súa intervención, aproveitou, tamén, para agradecer o traballo dos concelleiros e, especialmente, o da súa portavoz, Martina Aneiros: “Ferrol tivo e ten un partido que velou polos seus intereses, tanto na rúa como nos plenos”.