15, marzo, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, lamentou que Pedro Sánchez non dea ningunha alternativa aos 80.000 galegos que venden madeira en Galicia nin ás 5.000 familias que viven directa ou indirectamente de Ence.
Neste senso, dixo que Pedro Sánchez está a xerar un problema enorme para todo o medio rural, xa que pretende pechar unha empresa que compra case a metade da madeira que se produce en Galicia: “É unha cuestión de irresponsabilidade, porque, unha vez máis, non mide as consecuencias dos seus actos”. Tal e como apuntou durante un mitin en Poio e minutos antes de estar en Silleda, o PPdeG si defenderá ás familias dun Goberno que non só non crea nin defende o emprego en Galicia, senón que o destrúe directamente.
Sumado a isto, Feijóo recalcou que o que propón Pedro Sánchez é prolongar un goberno que non funciona para España e que é contraproducente á hora de aportar solucións. Ademais, recordou tamén a situación dos traballadores de Alcoa, que agardan por unha solución e por un novo estatuto para as electrointensivas que dea estabilidade a todas estas familias.
A ÚNICA ALTERNATIVA É O PARTIDO POPULAR
Por iso, o líder do PPdeG asegurou que aos españois lles irá mellor cun goberno como o de Galicia, estable e que leva dez anos tendo a confianza da xente e contribuíndo ao progreso, que cun goberno como o de Pedro Sánchez, que fracasou e que estivo sometido a Podemos, nacionalistas e independentistas. Así, incidiu en que, o vindeiro 28 de abril, España ten unha oportunidade e que só hai un xeito de aproveitala: co Partido Popular e con Pablo Casado.
O líder dos populares galegos remarcou que o PP non é un partido dunha soa persoa nin cun discurso dun só parágrafo ou dunha soa consigna, senón que é un partido con respostas, balance, propostas, equipo e moito traballo.
OS GALEGOS ELIXEN GALICIA E ESPAÑA
Nesta mesma liña, Feijóo indicou que o Partido Popular é a defensa e a reivindicación da Constitución e do Estatuto da Autonomía; que só se debe aos cidadáns; e que é un partido de maiorías que goberna para todos. Así, avogou por poñer fin ás minorías que queren impoñerse sobre a convivencia, a cordialidade e a liberdade das maiorías; a que se repartan carnés de bos ou malos galegos ou de bos ou malos españois; de que os nacionalistas digan que os galegos que falan castelán son malos galegos e de que partidos como VOX e Ciudadanos digan que os galegos que falan galego son malos españois.
Por último, Feijóo lamentou “a teima” dalgunhas formacións con ter que elixir Galicia ou España, algo que, segundo sinalou, ao PSOE non lle pasa porque sempre elixe o que lle mandan os nacionalistas: “Pero os galegos non temos ese problema, porque eliximos Galicia e eliximos España”.