15, setembro, 2018.O presidente doPPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este sábado que a cidade de Ourense non só tivo que enfrontarse á crise e sortear as dificultades cotiás que supón a xestión pública, senón que tamén tivo que superar o boicot constante da oposición. “Unha oposición que acabará o mandato sen facer nada pola cidade e que non ten ningún proxecto”, dixo.
O dirixente popular, que acompañou a Jesús Vázquez no seu acto de presentación como candidato á Alcaldía de Ourense, lembrou que o rexedor chegou ao cargo despois dun mal goberno e que seguirá no mesmo despois dunha mala oposición.
“Eu invito aos ourensáns que dubiden se teñen o mellor alcalde e miren cara os alcaldes das outras cidades”, apuntou, e lembrou que hai partidos que miran aos seus alcaldes con bochorno, con desconfianza, sen ilusión e coa dúbida de saber exactamente a que se dedican.
“Nós miramos a Jesús e vemos traballo, ganas, balance, proxecto, ilusión e futuro”, dixo, e engadiu que fronte aos que serven con soberbia el faino con humildade, sen someterse a chantaxes ou ameazas para sumar maioría.
Feijóo aseverou que para optar á Alcaldía de Ourense o partido escolleu a un home traballador e que sempre antepón o servizo aos demais por riba das preferencias persoais. Ademais, puxo en valor o camiño de diálogo e de política construtiva que iniciou Jesús Vázquez, baseado en que os veciños atopan ao seu alcalde na rúa cun sorriso e unha palabra amable. “Ese camiño pode non ter pedras e así avanzar con máis intensidade e velocidade. E podemos quitar esas pedras con votos nas próximas eleccións”, apuntou.
O presidente do PPdeG lembrou que non hai aliados na oposición para facer medrar a Ourense, pero si na Xunta de Galicia. Por iso, e pola perseverancia do alcalde, a cidade ten unha nova escola infantil de 82 prazas que pronto se converterá nun centro interxeracional con 80 prazas máis de centro de día, e o primeiro campus periférico especializado de Galicia, que é o Campus da Auga. “Tamén un proxecto para unha estación intermodal que avanza a velocidade de cruceiro e un hospital público ampliado”, engadiu.
Alberto Núñez Feijóo comprometeu que a Xunta seguirá traballando para acondicionar a rúa Otero Pedrayo, para rehabilitar varias vivendas do centro histórico, etamén o enlace do Polígono de San Cibrao coa A-52. “E seguiremos traballando para poñer en valor a Ponte Vella e consolidala como un atractivo turístico de primeiro nivel”, dixo. Ademais, avanzou que a Xunta traballará para facer realidade o proxecto do ecobarrio e que A Ponte sexa un referente europeo en eficiencia enerxética, e lembrou que o Goberno galego acaba de presentar un proxecto para un novo centro de discapacidade.