Apunta que non é tolerable unha indefinición calculada que poida volver bloquear ao país durante os próximos anos
Feijóo pide o voto para Rajoy porque ten permanentemente a Galicia no seu corazón e nos orzamentos
• Afirma que Iglesias quere controlalo todo e que en Sánchez e Rivera destaca a ambigüidade, sen certeza ningunha do que poden chegar a facer
Pontevedra, 16 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que Mariano Rajoy ten a Galicia permanentemente no seu corazón, nos orzamentos e no Boletín Oficial do Estado. Por este motivo, pediu o voto para que o candidato do PP á presidencia do Goberno continúe ese compromiso coa nosa terra.
Así se expresaba nun mitin celebrado hoxe en Pontevedra e no que estivo acompañado da candidata ao Congreso, Ana Pastor, do presidente provincial, Alfonso Rueda, e do candidato popular á Moncloa, Mariano Rajoy.
Segundo Feijóo, Rajoy demostrou o seu compromiso porque fala do que importa aos galegos, que é o emprego, poder chegar a fin de mes, que o presidente non deixe débedas, garantir as pensións e que se baixen os impostos. “Aos galegos nos importa Galicia e, en consecuencia, nos importa España”, engadiu.
Así mesmo, salientou que tamén demostrou con feitos a importancia de que este país teña un goberno e recordou que, durante o seu mandato, España evitou o rescate e converteuse no primeiro país en crecemento económico e de emprego da Unión Europea.
INDECISIÓN POLA INDEFINICIÓN
Durante a súa intervención, o presidente do PPdeG tamén falou do elevado nivel de indecisión dos votantes, algo que considera comprensible polo alto nivel de indefinición por parte dalgúns dos candidatos a estas eleccións.
Nese senso, indicou que Rajoy si é claro e sempre mantivo o que dixo. Do mesmo xeito, recoñeceu que o candidato do PP só gobernará se gaña as eleccións.
Pola súa parte, lembrou que Pablo Iglesias quere controlalo todo e, no que respecta aos demais, destaca a indefinición e a ambigüidade. “Non hai certeza ningunha do que poden chegar a facer”, asegurou referíndose a que Sánchez é fiel a súa ausencia de criterio, e a que Rivera fixo o contrario do que dixo pois, logo de dicir que deixaría gobernar á lista máis votada, pactou con quen perdeu as eleccións.
“Non é tolerable nin admisible unha indefinición calculada”, admitiu Feijóo advertindo que non se pode permitir volver bloquear o goberno do país durante os próximos anos.
“Eu non quero a parálise de Galicia. Preferimos a política estable de Galicia que a inestabilidade política do PSOE, das Mareas de Podemos e de Ciudadanos”, apuntou mentres indicaba que durante estes meses de bloqueo en España, na nosa comunidade continuáronse facendo cousas.
Como mostra disto, lembrou que se logrou eliminar o imposto de Sucesións, puxéronse impostos cero no rural, apoiouse ás familias e aos máis novos; conseguíronse máis vehículos para a factoría PSA en Vigo e máis contratos para os estaleiros galegos; ademais de dar inicio á fabricación de avións non tripulados en Rozas, Lugo. Por isto, mantivo que os populares non queren que os políticos que bloquearon España fagan o mesmo en Galicia.
Por outra banda, Feijóo tamén recoñeceu que, se Pablo Iglesias fora o candidato popular, diríalle que debería aprender da humildade dos galegos, así como se o fose Pedro Sánchez debería aprender da nosa responsabilidade. No tocante a Albert Rivera precisou que, de ser el o candidato do PP, non diría lle nada, posto que o líder de Ciudadanos non quere que fale ninguén que non sexa el.
Pola contra, o presidente si valorou a humildade e responsabilidade de Mariano Rajoy, un pontevedrés que cumpriu co seu deber durante os catro anos do seu mandato e que é unha garantía para España e para Galicia.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/O-pTpHogMEc» frameborder=»0″ allowfullscreen ]