Santiago, 16 de setembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe que a Comisión Europea teña máis en conta a demografía, “un dos maiores desafíos aos que se enfronta a nosa sociedade”, á hora de asignar e executar os fondos europeos.
Así o expresaba o dirixente popular xa xornada celebrado esta mañá en Santiago, Europa e o reto demográfico, xunto ao portavoz do PP no Parlamento Europeo, Esteban González Pons. Alí, Feijóo puxo en valor o que está facendo a Xunta para favorecer a demografía, lembrando que nos últimos anos elaborou un Pacto polo rexuvenecemento demográfico de Galicia, un Plan de dinamización demográfica, unha Estratexia de envellecemento activo e un Programa de apoio á natalidade.
Segundo sinalou, o PPdeG ten claro que Galicia debe ser líder en axudas á natalidade e á infancia, por iso a Xunta aumentou un 76% o número de prazas públicas de gardaría desde 2009; aprobou o Bono Concilia; creou o Bono Coidado; estableceu as deducións fiscais máis elevadas de España; lanzou a Tarxeta Benvida; e impulsou máis facilidades para conciliar vida familiar e laboral.
“Queremos facer de Galicia a mellor comunidade para nacer, crecer e ter fillos” sentenciou Feijóo, lembrando que esta semana presentou un ambicioso programa: Galicia 0-35, que busca ofrecer axudas aos galegos máis novos.
TRABALLAR UNIDOS
Por outra banda, o presidente dos populares galegos fixo fincapé en que o reto demográfico non se limita só a Galicia, senón a España e ao resto de Europa, polo que pediu traballar unidos para enfrontar este problema.
Logo de lembrar que Galicia leva traballando desde 2009 neste ámbito, presentando proxectos aos responsables europeos, acudindo ao Parlamento Europeo para pedir máis apoio e impulsando xunto a outras comunidades o Foro de Rexións Españolas con Desafíos Demográficos, Feijóo incidiu na importancia de que os políticos españois respondan xuntos ao reto demográfico, que non entende de siglas, nin de partidismos, nin de maiorías, minorías ou bloqueos.
Neste senso, considerou positivo que Rajoy anunciara que haberá un fondo de cohesión demográfica no vindeiro plan de financiamento autonómico, cando os grupos parlamentarios deixen o ‘non’ a un lado e así o permitan.