17, maio, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que, fronte ao PSOE que depende do que digan as Mareas de Podemos ou o BNG, “o Partido Popular só depende dos veciños”.
Tal e como sinalou, o contrato máis democrático que pode ter un partido político é render contas aos seus veciños “e non aos concelleiros ou partidos que apoian ao alcalde”. Por iso, apuntou que o PPdeG, ademais de só querer depender dos veciños, é a única alternativa aos gobernos socialistas, nacionalistas ou populistas.
Así, durante un percorrido polo recinto feiral FEXDEGA, remarcou que o PPdeG continúa traballando con ilusión para ser unha opción distinta aos gobernos das cidades galegas, e puxo como exemplo Vilagarcía. Neste senso, Feijóo salientou que o candidato do PPdeG, Alfonso Gallego, é “a alternativa sólida” aos gobernos socialistas e nacionalistas, xa que coñece Vilagarcía e traballa neste municipio.
Feijóo destacou, tamén, o compromiso do Goberno galego con este concello, como a gran remodelación do Hospital do Salnés e o incremento dos seus servizos, que se duplicaron. Así mesmo, dixo que se está pendente da cesión dun solar para poder construír un centro de saúde.