Salienta que o voto que empeza no PSOE tamén pode acabar en Podemos pola vía do pacto
Feijóo sinala que o PP é a única vía segura para a moderación e o goberno e di que os votos a Ciudadanos en Galicia deron escanos ao populismo
• Asegura que a Podemos non lle interesa o país, que non teñen proxecto para España e que presentan un programa que só vale para gobernar seis meses
• Apunta que culpar ao partido que gaña eleccións de que non hai goberno ou que se diga que se ten que ir o candidato gañador “é a democracia ao revés”
Monforte, 12 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que o voto ao Partido Popular é a única vía segura para que haxa moderación e goberno.
O dirixente, que participou nun mitin en Monforte acompañado polos candidatos ás Cortes pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro e Joaquín García Díez, e pola presidenta provincial, Elena Candia; dixo que a alternativa ao goberno dos populares co que crece España non é outro goberno senón o populismo, “que non ten ningún interese en gobernar senón en enganar”.
Do mesmo xeito, tamén incidiu en que os votos a Ciudadanos en Galicia non serven para dar escanos a esta formación, lembrando como en Lugo, Ourense ou Pontevedra todos eses apoios transformáronse en máis escanos para as Mareas de Podemos.
Tal e como explicou, o voto que comeza en Ciudadanos pode rematar no partido de Pablo Iglesias polo sistema de reparto de escanos, así como o que empeza no PSOE tamén pode acabar en Podemos pola vía do pacto. Ante isto, insistiu en que o que empeza no PP remata no propio PP e na creación de emprego, nunha política económica e nun goberno.
Así mesmo, o dirixente incidiu en que a Podemos non lle interesa o país porque só están interesados en eles mesmos, non teñen proxecto para España e presentan un programa que “como moito vale para gobernar seis meses”.
O presidente tamén lembrou que esta é a primeira vez que ocorre que os que perderon as eleccións bloquean o país, recordando que “votar é o único que non nos poden quitar nin bloquear”.
Nesa liña, admitiu que, tras estes últimos meses con España en mans do PSOE, de Ciudadanos, de Podemos e dos nacionalistas, comprobamos que estes partidos non son quen nin de repartirse os cargos e que, cando aos populares se lles nega a posibilidade de gobernar hai desgoberno, división e actos só para os medios de comunicación.
Por outra parte, tamén fixo fincapé en que se o PP non gaña os comicios si vai facilitar que gobernen os vencedores, “porque hai que aceptar as reglas do xogo, aceptando que o que perde ten que estar na oposición e o que gaña no goberno”. Nese senso, engadiu que culpar ao partido que gaña eleccións de que non hai goberno ou que se diga que se ten que ir o candidato gañador “é a democracia ao revés”.
Feijóo asegurou que agora temos a opción de votar libremente a aqueles que cremos que poden solucionar mellor os problemas do país. E é que, segundo apuntou, os populistas, que nunca gobernaron nin solucionaron nada, din que teñen solución para todo dedicándose exclusivamente a falar pero non a facer.
Por este motivo, o presidente salientou que, se o voto se divide non haberá goberno. “Nós non estamos aquí para gobernar seis meses senón para sacar a España da crise económica”, sentenciou.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/dXH813qsL2Q» frameborder=»0″ allowfullscreen ]