15, maio, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que votar Partido Popular é votar xestión, mentres que votar PSOE é o mesmo que votar aos nacionalistas e aos populistas e é votar, tamén, máis débeda e máis impostos.
Así, destacou que coller a papeleta do Partido Popular é ter a certeza de que o voto acaba nun goberno cun único responsable e cun único equipo, así como nun programa votado nas urnas, en menos impostos e en respostas ás necesidades dos veciños. Por iso, avogou porque os concellos estean blindados con responsabilidade na xestión, ao igual que pasa en Galicia.
Así, Fijóo fixo fincapé en que é mellor un goberno como o da nosa comunidade nos concellos -que cumpre coas súas obrigas, baixa impostos, incrementa as políticas sociais e co que a economía crece, diminúe o desemprego ou se incrementan as exportacións-; que un Goberno como o de España -que incrementa o déficit, sobe impostos e que depende para todo dos nacionalistas, independentistas e populistas-.
UN VOTO ÚTIL PARA OS MUNICIPIOS
Do mesmo xeito, o líder dos populares galegos, que avogou pola política útil, dixo que votar a outros partidos é votar en contra do que un pensa e do que un prefire, xa que a división nas urnas acaba favorecendo ao BNG, ás Mareas de Podemos e ao PSOE. Por iso, pediu o voto para os candidatos do Partido Popular, xa que é un apoio directo para que sexan alcaldes e porque, ademais, é o único xeito posible de non beneficiar a estas formacións e evitar, polo tanto, gobernos multipartitos nos concellos.
Así, indicou que, se os veciños queren que as alcaldías se repartan entre nacionalistas, populistas e socialistas, hai moitos xeitos de acadalo; pero, se pola contra, queren a un alcalde que escoite, resolva, teña un proxecto e un equipo sólido e preparado só hai unha opción e un único camiño: votar directamente ao PP.
UN EQUIPO PREPARADO EN PADRÓN
“Ningún outro equipo está tan preparado para xestionar nin ten un candidato que coñeza tan ben Padrón coma Antonio Fernández Angueira”, aseverou Feijóo, de que dixo que acredita con feitos como se pode gobernar e que mantivo o concello a flote.
Como sinalou, os populares acoden ás urnas o 26 de maio coa traxectoria e os resultados acumulados desde 2011; cuns gobernos, tanto en Padrón como en Galicia, que saben solucionar os problemas dos veciños; e dende a unidade.