22, maio, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, advertiu que o próximo domingo haberá moitas papeletas nos colexios electorais, pero só dúas opcións de goberno: ou a división, a dispersión de forzas e un conxunto de socios ou unha maioría ampla de veciños representados polo Partido Popular.
Tal e como asegurou o líder do PPdeG, esta última opción só se logra votando ao PP: “Hai moitas papeletas, pero só unha co logo da unidade, que é a do Partido Popular”. Por iso, remarcou que calquera alternativa ao PP pasa pola división, a imposición, o extremismo e o nacionalismo. Do mesmo xeito, dixo que os candidatos do PPdeG non son nin recentemente chegados nin tampouco oportunistas.
Neste senso, durante un mitin en Meaño, incidiu en que as Municipais son unhas eleccións decisivas para a comarca do Salnés, xa que está en xogo ter gobernos estables que traballen polo sector do mar e do viño e polo turismo.
O PARTIDO DO SALNÉS É O PARTIDO POPULAR
O presidente dos populares galegos fixo fincapé en que a política trátase de traballar e non de discutir e engadiu que para que haxa gobernos cos veciños hai que votar ao partido do Salnés: o Partido Popular.
Feijóo, que incidiu nos bos equipos e proxectos desta comarca, destacou o traballo dos alcaldes: de Carlos Viéitez, por ser exemplo de renovación e de traballar por Meaño; de Telmo Martín, o “gran capitán de Sanxenxo”; de José Luis Pérez, imbatible en determinación e en apoio por Meis; e de Gonzalo Durán, por poñer toda a paixón para defender os intereses de Vilanova de Arousa. “Son grandes alcaldes -engadiu- porque sempre estiveron ás ordes dos seus veciños”.
Do mesmo xeito, recoñeceu o traballo dos candidatos: de Luís Aragunde, disposto a reverter catro anos perdidos en Cambados; de Alfonso Gallego, por ofrecer a unidade, a participación e a proximidade que precisa Vilagarcía; de Beatriz Castro, que sabe como viven os veciños e como funciona o concello do Grove; de Juan José González, a quen lle amosou a súa confianza de que recuperará o goberno da Illa de Arousa; e de Martín Vázquez, que conta con todas as posibilidades para que Ribadumia recupere o concelleiro que faltou no 2015.
Por último, Feijóo destacou o compromiso traducido en feitos do Goberno galego coa comarca do Salnés: as novas urxencias e o novo bloque cirúrxico do hospital público, a ampliación do centro de saúde da Illa, a mellora dos PAC de Sanxenxo ou Vilagarcía, a rehabilitación do firme da autovía do Salnés, os investimentos en abastecemento e saneamento e tamén nos centros educativos.