Maceda, 3 de setembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que os populares galegos “somos, por riba de calquera outra cousa, militantes dos nosos veciños, do noso pobo. Militantes de Galicia”, engadindo que “ao próximo 25 de setembro eu acudo así: como un galego orgulloso do seu pobo que se pon ao seu dispor”.
Así se expresaba o líder do PPdeG nun encontro municipal en Maceda, con alcaldes e presidentes locais e provinciais da formación procedentes de tódolos recunchos da comunidade. Alí, reivindicou un partido unido ao pobo, fronte aos que só se miran a si mesmos e se enfrontan entre eles.
Do mesmo xeito, fixo fincapé en que hai moito en común en cada un das galegas e os galegos e iso está no programa do partido e hai algo tamén que de distintos xeitos soa ao unísono en Galicia e iso é “en Galicia si”.
EN GALICIA SI
Segundo recalcou Feijóo citando o lema de campaña da formación, “en Galicia si” hai sentimento, entendemento, responsabilidade, estabilidade e progreso. De feito, lembrou que mentres noutros lugares de España uns din “no es no”, en Galicia “si é si”, que é o que din os galegos con feitos.
Así, fixo fincapé en que mentres en España hai unha situación que non serve nin como exemplo nin modelo, non hai avance ante o bloqueo, “en Galicia si”. Do mesmo xeito que mentres noutras comunidades e concellos onde hai pactos multipartitos non hai estabilidade e mentres na oposición non hai alternativa, Feijóo subliñou que “en Galicia si”.
Neste senso, o presidente do PPdeG sinalou que en Galicia crecemos e baixa o paro, ata cando sube na maioría das comunidades, como reflicten os últimos datos; en Galicia páganse menos impostos; apóiase ás familias máis que en ningures a través de axudas directas á conciliación, como prazas públicas de gardería e bonos coidado; á comunidade chegan investimentos do naval, da automoción, da aeronáutica, do lácteo; e en Galicia cúmprese coas obrigas contables e invístese máis que en ningún outro lugar.
Do mesmo xeito, incidiu en que nesta comunidade constrúense novas infraestruturas sanitarias públicas; conxélanse ano a ano as taxas e conta coa universidade máis accesible, coas taxas máis baixas e becas e axudas para os alumnos con dificultades económicas. “En Galicia avanzamos, non nos freamos, non nos poñemos nin vetos nin bloqueos”, asegurou, sinalando que “todo iso acádao Galicia porque as galegas e os galegos cada día din si”.
UN PARTIDO UNIDO
O líder dos populares galegos salientou ante os alí presentes que o partido débese aos cidadáns por riba de calquera outra cousa, mesmo das siglas. E por iso, e porque buscan o mellor para a sociedade galega, “todos somos parte dun mesmo proxecto”, sentenciou.
Por tanto, fronte ao lío doutros partidos con menos historia, menos militantes, menos dirixentes, que están enfrontados e divididos e que, nalgúns casos, só se atopan en cidades ou lugares concretos; o PPdeG ten implantación en cada recuncho de Galicia, ten historia e está unido porque ten un proxecto, un deber, un amor e unha motivación: Galicia.
A GALICIA QUE QUEREMOS
Feijóo asegurou que tanto el como a formación que dirixe queren que Galicia sexa a terra da unidade, da estabilidade e da responsabilidade e que siga en mans dos galegos.
A Galicia que coopera, que mira cada adiante, que non se pon obstáculos, que avanza e que construímos xuntos desde cada concello e fogar “esa é a Galicia á que aspiramos cada un dos que estamos aquí” e “esa é a Galicia á que aspira a grande maioría das galegas e os galegos”, asegurou o líder do PPdeG.
Como asegurou o candidato do PPdeG á presidencia da Xunta, el preséntase por unha paixón, Galicia, e por unha misión, servir ao seu pobo. Por tanto, non se presenta de novo para andar en liortas internas, nin para volver a gañar a outros partidos, xa que para el é máis importante o que pode ofrecer ao seu país os catro anos seguintes das eleccións. “Xa sei que insultan, cada día, e máis que o farán, pero que esa é unha política tan cativa para Galicia que paso…. Galicia precisa e merece moito máis”, destacou.
Segundo Feijóo, os populares teñen por diante algo máis de vinte días para falar con cada un dos galegos e para escoitar os seus “si” e que eses “si” se reflictan nas urnas o próximo 25 de setembro.