Ourense, 2 de febreiro de 2018.- O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, participou este venres na apertura da Escola de Formación de Novas Xeracións da cidade de Ourense, onde subliñou que a mocidade ten “a oportunidade e a responsabilidade de devolver a confianza na política”.
O presidente recoñeceu que a recesión económica trouxo consigo unha crise da confianza nos cidadáns coa que se popularizaron formas de facer política binarias e moi prexudiciais como son os populismos. Pero lonxe de facer unha invitación ao pesimismo, Feijóo manifestou que isto debe servir como un incentivo para a esperanza.
Nese senso, felicitou aos mozos de Novas Xeracións de Ourense por organizar actos deseñados e pensados para a xente nova, demostrando que en Galicia “hai iniciativas que defenden a política con maiúsculas”.
Segundo indicou, a política consiste tamén en ilusionar aos cidadáns e implicalos na construción dun proxecto común, polo que se debe consolidar un proxecto que una a sociedade galega. Nesta liña, recordou que o PPdeG é un partido grande porque sempre tivo a vocación de sumar e “incidir na formación política é fundamental para recordarnos a importancia de seguir sumando”.
Así mesmo, salientou que o novo centro de Formación de Novas Xeracións dará importantes ferramentas políticas e ideolóxicas para esa mocidade que non cala ante o pensamento único posto que “gañar a batalla dos votos importa pouco se perdemos a batalla das ideas”.
O PPdeG TRABALLA PARA A XUVENTUDE
Durante a súa intervención, Feijóo asegurou que a xuventude galega é coma Galicia: inconformista, ambiciosa, dinámica, tolerante e aberta. Por iso, fixo fincapé en trasladar que no PPdeG non só hai mozos e se teñen ideas axeitadas para eles, senón que tamén se traballa por un futuro para a xente nova.
Feijóo lembrou que na última campaña electoral os populares dixeron que ían traballar por todos e cada un dos mozos galegos e así o fixeron, “porque, ante todo, o PPdeG é un partido de palabra”. Nese senso, sinalou que, tal e como se prometeu, trouxéronse os dous primeiros quirófanos híbridos de España á Coruña e Vigo; estendeuse o plurilingüísmo a Infantil e Bacharelato e avanzouse na implantación de materias como Programación ou Robótica; facilitouse que se sigan batendo récords de visitantes; tróuxose a Galicia a primeira incubadora de proxectos de investigación farmacéutica de Europa e profundouse na Compra Pública Innovadora; e dispoñemos dun novo Plan de captación de investimentos e unha Lei para facilitar que os proxectos empresariais arraiguen na Comunidade.
Para rematar, o líder dos populares galegos dirixiuse aos mozos presentes asegurando que se están sentando os cimentos da Galicia de mañá. Por este motivo, pediulles que sigan tendo o valor de pensar distinto; que defendan unha política de ideas, non de nomes; que non deixen de formarse e aprender; e que sigan reivindicando a importancia dos principios e a coherencia na política así como a súa forma de entender a nosa terra.