O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que dote de fondos económicos a Lei da ELA para que sexa realmente efectiva e cumpra cos obxectivos para os que foi aprobada. “Se o Estado non financia esta lei non é por falta de recursos, senón por falta de vontade, lentitude, desidia e cero empatía con quen xa non ten tempo que esperar”, sinalou a portavoz de Política Social, Raquel Arias.
O 10 de outubro de 20245, o Congreso aprobou por unanimidade a Lei da ELA, “un acordo histórico que chegaba logo de tres anos de penurias parlamentarias e decenas de aprazamentos ata que foi posible o seu debate”, lembrou Raquel Arias.
“Pasaron oito meses e os enfermos de ELA segue sen chegarlles nin unha soa das axudas ás que esta lei lles da dereito, porque, do mesmo xeito que aconteceu coa Lei da dependencia, o Goberno de Pedro Sánchez non dotou orzamentariamente esta nova norma”, lamentou.
230 MILLÓNS PARA A APLICACIÓN DA LEI
A portavoz popular explicou que esta lei establece, entre outros aspectos, unha vía rápida para o recoñecemento da dependencia e a discapacidade, asistencia 24 horas en fases avanzadas ou o mantemento da base de cotización para os coidadores que teñen que abandonar as súas ocupacións para que non lle baixen as pensións. “Calcúlase que o custo da aplicación desta lei sitúase arredor dos 230 millóns de euros”, concretou Raquel Arias, quen criticou que “dos 60 millóns que pediron os afectados para empezar de forma urxente cun plan de choque, o Goberno de Sanchez limitou a unha achega de 10 millóns de euros, menos do 5 por cento do custe real de implementar a lei”.
Fronte a esta situación, Arias destacou que a Xunta “ten claro que o folio dos pacientes da ELA está cheo de necesidades que non poden agardar, polo que fomos a primeira comunidade, desde hai tres anos, que damos unha axuda directa anual de 12.000 euros aos enfermos, un apoio importante que lles permite comprar produtos de primeira necesidade, material ortopédico ou facer obras de adaptación nos seus fogares”.
Así mesmo, lembrou que Galicia xa fora en 2018 pioneira ao crear o proceso asistencial integrado de esclerose lateral amiotrófica, ao amparo do que se axilizou a atención establecendo vías rápidas a nivel sanitario, para axilizar o diagnóstico, e a nivel social, para a tramitación da dependencia e a discapacidade.